O PSOE de Arteixo esixe que o alcalde cumpra co Regulamento Orgánico do Concello

Os socialistas reclaman baixar o nivel de crispación dos plenos ante a cantidade de insultos e desconsideracións que recibe a oposición por parte do alcalde que tampoco respecta as quendas de intervención nas sesión plenarias: “Actúa como un emperador”

O grupo municipal socialista pedirá no vindeiro pleno que o alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, como responsable de dirixir os debates plenarios, cumpra o establecido no Regulamento Orgánico do concello en canto ao tempo das quendas e a duración dos debates.

“O alcalde actúa como un emperador” afirma o concelleiro socialista, Martín Seco que denuncia que nos plenos o alcalde “non respecta as quendas de intervención nin cumpre os tempos establecidos no Regulamento Orgánico”.

Seco tamén pide rebaixar o nivel de crispación das sesións ante “a cantidade de insultos e desconsideracións que recibe a oposición por parte do alcalde”.

O desenvolvemento e duración dos debates nas sesións plenarias está establecido no artigo 31 do Regulamento Orgánico de Arteixo que regulamenta as quendas e duración das intervencións, pero os socialistas denuncian que despois do sucedido no pleno do mes de abril de 2024  “é evidente que non se respectan as quendas de intervención polos continuos debates cruzados que interrompen a quen ten uso da palabra” e manifestan que o alcalde “non cumpre nin fai cumprir o establecido polo ROM”

Por outra banda, o grupo municipal socialista  tamén solicita que se cumpra o establecido no regulamento orgánico do concello en canto á duración máxima dos plenos, que literalmente indica cinco horas como o tempo máximo.

Seco explica que no pleno ordinario de abril que comezou ás 9:30 da mañá, “solicitei ao alcalde e ao secretario do concello que a sesión non rematase máis aló das 14:30 da tarde, sen que esta solicitude fose escoitada, e o pleno rematou máis tarde dese horario”

Os socialistas arteixáns sinalan que o incumprimento do regulamento resulta habitual nas sesións plenarias “polas múltiples e interminables intervencións do alcalde do noso concello”.

 

 

Anterior
Anterior

Os socialistas de Arteixo piden explicacións ao goberno local polo cambio de ubicación das verbenas da Festa das Flores

Siguiente
Siguiente

Posibles irregularidades no curso de socorrismo en instalacións acuáticas do Concello de Arteixo