Os socialistas de Arteixo presentan unha moción para que o concello sexa“pet friendly”
O PSOE de Arteixo insta ao goberno local a actualizar a Ordenanza Municipal reguladora de posesión e custodia de animais de compañía.
O Grupo Municipal Socialista de Arteixo presentará unha moción no pleno de febreiro para que o concello poida ser recoñecido como “Pet Friendly”, amigo dos animais, e se poida compartir espacio, cafeterías, negocios, parques, praias, zonas verdes ou transporte público cos animais de compañía.
Os socialistas arteixáns argumentan que cidades como Xixón, Lugo, Logroño, León, Valencia, Madrid, Santiago ou Barcelona teñen este distintivo que as sitúa nun lugar privilexiado nas guías turísticas que catalogan, puntúan e suxiren lugares de interese para todos os viaxeiros que queren gozar desas vacacións fóra de casa con todos os membros da familia.
A voceira socialista, Patricia Boedo, sinala que “pola contra, en concellos como Arteixo, pese ao incremento do número de mascotas durante estes 12 anos, o goberno local segue sen cumprir as súas promesas de dotar ao noso municipio das infraestruturas necesarias e segue sen controlar a aparición de excrementos e suciedade nos parques, paseos, beirarrúas, fachadas e mobiliario urbano arteixán”.
“Xa no ano 2014 o actual goberno local do PP en Arteixo prometía a construción dun parque canino que semella que quedou no esquecemento” explica Boedo, quen recorda que no ano 2018, despois de que fosen os propios propietarios de mascotas os que recollesen 600 sinaturas, “o goberno local volveu repetir a promesa de levalo a cabo sen definir nin lugares nin calendario”.
Por iso, o grupo municipal socialista presenta no pleno de febreiro unha moción para actualizar a Ordenanza Municipal Reguladora da posesión e custodia de animais de compañía, ao obxecto de que Arteixo poida ser recoñecido como pobo Pet Friendly.
Na moción propoñen medidas normativas que permitan que os aloxamentos, bares, restaurantes, comercios e negocios con atención ao público poidan determinar a súa política de admisión de mascotas e facilitar esa información na internet así como designar espazos públicos (zonas verdes e praias) onde poidan moverse con liberdade todo o ano.
Os socialistas tamén inciden na importancia de implantar parques ou áreas de esparexemento caninos accesibles, cercados e equipados con abastecemento de auga e elementos de exercicio físico nos distintos sectores do municipio, e incrementar a asignación orzamentaria ás protectoras con “sacrificio cero” que operan no municipio para contribuír a financiar os gastos de veterinario e educación na atención dos animais abandonados, entre outras medidas.
CONTRA O INCIVISMO
Por outra banda, o grupo municipal socialista insiste na importancia de actuar con determinación para evitar os comportamentos incívicos dalgúns propietarios de mascotas, incluíndo nas ordenanzas municipais a obrigatoriedade de que leven un depósito con auga xabonosa para evitar que as manchas que deixan os ouriños nas superficies aumenten a suciedade e a oxidación do mobiliario urbano e os malos olores.
Paralelamente propoñen que se realicen campañas de sensibilización e concienciación contra o abandono de animais coincidindo coas datas do 21 de xullo (Día Mundial do Can), 4 de outubro (Día Mundial dos Animais), 10 de decembro (Día dos Dereitos dos Animais) 17 de xaneiro (Día do Protector Animal) e 22 de abril (Día da Nai Terra).