Os socialistas de Arteixo presentan unha moción en defensa do servizo básico e esencial da educación pública
O grupo municipal socialista denuncia os recortes educativos aplicados no curso 2022-23 e suspende a xestión da Xunta de Galicia en materia educativa.
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará no vindeiro pleno unha moción en defensa do servizo básico e esencial da educación pública fronte aos recortes educativos aplicados pola Xunta de Galicia no curso 2022-23.
Os socialistas piden na moción que o concello de Arteixo inste á Xunta de Galicia a cumprir coas súas obrigas e responsabilidades no ámbito educativo, dispoñendo dos medios materias e persoais e dos recursos económicos que sexan precisos para “garantir a prestación e o acceso ao servizo público esencial da educación”; a recuperar o sistema de gratuidade universal dos libros de texto; a garantir o servizo de transporte escolar para facilitar o acceso ao sistema de educación público ao alumnado de todas as etapas educativas, obrigatorias e non obrigatorias, e a manter como mínimo o mesmo número de profesorado que o curso 2021-2022 nas escolas galegas rurais.
Por outra banda instan á Xunta a facer público o destino dos fondos extraordinarios para a educación procedentes tanto da Unión Europea como tamén do Estado.
Os socialistas denuncian recortes como o peche e/ou agrupamento de aulas, especialmente en zonas rurais; a perda de profesorado de apoio ao alumnado especialmente vulnerable con necesidades específicas de apoio educativo; o aumento das ratios, batendo novamente Galicia o "récord" das ratios máis altas do estado que nalgúns dos centros afectados superarán os 30 alumnos/as por aula.; a redución da oferta educativa: e a imposibilidade nalgúns dos centros afectados de impartir materias optativas demandadas polo alumnado nos centros afectados entre outra deficiencias.
Para os socialistas “estes recortes consolidan a estratexia do goberno do Partido Popular en Galicia” de “redución significativa do gasto público en servizos básicos” que abondan no seu deterioro, que están a xerar un incremento da desigualdade social e “constitúen unha perda irreparable da igualdade de oportunidades, empeorando as condicións nas que se exerce o dereito á educación”.
“Os datos din que hoxe temos unha educación peor en Galicia que hai 10 anos, amparándose o goberno do Partido Popular en tratar de convencernos de que a causa é a crise, cando realmente foron eles e as súas políticas os causantes de tal empeoramento” sinala voceira socialista, Patricia Boedo.