Os socialistas de Arteixo instan ao goberno local e á Xunta a cumprir as súas promesas de traslado das liñas de alta tensión de Solymar

O PSOE arteixán considera necesario rematar os trámites urbanísticos e facilitar terreo que permita o traslado das liñas de alta tensión e que o concello informe da cantidade económica que está disposto a aportar na financiación de dito traslado. 

Este xoves ás 10:00 manterán unha reunión con Red Eléctrica e a Plataforma de afectados polas liñas de alta tensión de SolyMar na Casa do Pobo.

O grupo municipal socialista instará ao Goberno local no vindeiro pleno a rematar os trámites urbanísticos e facilitar terreo que permita o traslado das liñas de alta tensión levantadas hai 60 anos que atravesan a urbanización “SolyMar” a poucos metros dalgunhas vivendas que foron construídas hai uns 40 anos, así como o colexio de Galán e o parque infantil da dita urbanización; e tamén que o concello informe da cantidade económica que está disposto a aportar na financiación de dito traslado.

A voceira socialista, Patricia Boedo, sinala que “xa hai máis de 25 anos da primeira manifestación dos veciños da dita urbanización, constituídos nunha plataforma para esixir o desvío das liñas que sobrevoan as súas vivendas, unha demanda histórica dos alí residentes” e que dita plataforma relaciona a aparición de moitos casos de cancro, ansiedade, problemas hormonais e o non poder durmir polas noites polo ruído que emiten as liñas. 

“A realidade é que estas infraestruturas eléctricas seguen incumprindo a distancia mínima de 200 metros que establece a Organización Mundial da Saúde e o Parlamento Europeo, xa que nalgúns puntos, non hai nin dez metros entre os pisos e o tendido” explica Boedo e recorda que o actual alcalde de Arteixo, Carlos Calvelo, xa afirmaba na campaña que o levou a alcaldía no 2011 que  presentaría nese mandato “unha proposta real e crible para desviar as torres", pero “a realidade é que o Goberno local de Arteixo deixou prescribir ata en dúas ocasións o convenio para financiar o traslado das liñas asinado entre a Consellería de Industria, FENOSA e o propio Concello e 11 anos despois o problema continúa” insiste a voceira dos socialistas.

Según Patricia Boedo “once anos despois nada sabemos do traslado das liñas, pero Red Eléctrica confirmou hai poucas datas a súa disposición para redactar o proxecto, aínda que non sabemos quen vai  a financiar o traslado, xa que a regulación eléctrica dí que a entidade que solicita a variante dunha liña ten que achegar os permisos dos terreos por onde vaia a pasar a dita variante, así como asumir o seu custo” insiste a voceira socialista pero lembra que  “escoitamos ao alcalde facer público que asumiría ata 1,5 millóns de euros de fondos propios para o traslado das ditas liñas, pero non sabemos que cantidade está disposta a asumir a Xunta de Galicia e se están en contacto con NATURGY para involucralos no financiamento do traslado.”

PROPOSICIÓN NON DE LEI NO PARLAMENTO DE GALICIA

Por outra banda, o deputado e secretario xeral do PSOE de Arteixo,  Martín Seco, tamén ven de presentar unha proposición non de lei no Parlamento Galego para instar ao goberno galego a comprometerse con parte do financiamento do traslado das liñas de alta tensión que pasan pola urbanizació SolyMar e implicar á empresa subministradora de enerxía NATURGY no  financiamento.

Os socialistas tamén consideran preciso instar a Red Eléctrica a levar a cabo a redacción do proxecto de traslado das liñas e este xoves ás 10:00 manterán unha reunión con Red Eléctrica e a Plataforma de afectados polas liñas de alta tensión de SolyMar na Casa do Pobo na que tratarán a urxencia de redacción do devandito proxecto.

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo presenta alegacións ao proxecto do parque eólico de Carboeiro e solicita a apertura dun proceso público participativo á cidadanía.

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo organiza unha charla informativa sobre o proxecto do parque eólico de Carboeiro en Loureda