Os socialistas de Arteixo instan ao goberno local a redactar un Plan de Vivenda Municipal para impulsar a reforma, construción e aluguer de vivendas a prezo alcanzable
Martín Seco: “Nos derradeiros 13 anos de goberno do Partido Popular en Arteixo non se tomou ninguna medida para solucionar os problemas de acceso á vivenda”
O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción no vindeiro pleno para poñer de manifesto un dos problemas máis importantes que ten a cidadanía, como é o acceso a unha vivenda digna de compra ou aluguer a uns prezos razoables.
O portavoz de grupo socialista sinala que mentres o grupo de goberno dí que non existe ese problema, “os prezos dos alugueres no noso concello seguen a medrar e resulta case imposible atopar algo decente por menos de 600 euros de renta” ao tempo que hai moi pouca oferta de inmobles á venda e a uns prezos desorbitados “que resultan imposibles de abordar para aqueles que desexan iniciar un novo proxecto de vida”.
Seco denuncia que a nivel local, nos derradeiros 13 anos de goberno do Partido Popular en Arteixo non se afrontaron os problemas de acceso á vivenda, entre outros motivos pola ausencia aun Plan Xeral de Ordenación Municipal que ocasionou un modelo urbanístico obsoleto “onde só constrúen uns poucos promotores e os núcleos rurais carecen de capacidade de crecemento”.
Ademas o concelleiro socialista indica que no concello existen un gran número de vivendas baleiras (3918, segundo o INE de 2021, o 22,2% do parque inmobiliario), cun uso ineficiente do espazo urbano e prácticas contrarias á función social da propiedade, cun parque inmobiliario infrautilizado e con problemas derivados do progresivo deterioro físico ou a inadecuación funcional das vivendas.
Pero a pesar da existencia desa vivenda baleira, explica Seco, “os prezos dos alugueres son moi elevados para as familias con menos capacidade adquisitiva e a xente moza así como para a nova vivenda, co agravante de que en Arteixo non hai ningún tipo de iniciativa de vivenda social pública ou privada e ningún tipo de programa de alugueiro social por parte do concello”. Ademais en 2018 o goberno local declaraba que en Arteixo non existían solicitantes de vivenda protexida e reducía do 30% ao 10% a reserva de solo para a construción de vivienda social “e ata pretendía reducila ata o 5%”, aínda que agora a Xunta de Galicia quere levar a cabo a construción de mais de 150 vivendas sociais na Penouqueira, un lugar desestimado a principios de século pola súa dificultade orográfica.
Seco insiste en que “a vivenda xa é un un factor de exclusión e segregación social que non podemos permitir” polo que se precisan medidas para que deixe de ser unha mercadoría e se converta nun dereito social tal como proclama o artigo 47 da Constitución.
O portavoz socialista demanda un “Plan de Vivenda Municipal”, enfocado en cinco sectores: familias en exclusión social, vítimas de violencia de xénero, maiores, persoas con discapacidade e xente moza para a súa emancipación e acceso á súa primeira vivenda. “Un plan que englobe transversalmente, a todas as áreas participantes nel como son Urbanismo e Servizos Sociais”.
Para o desenvolvemento real deste Plan de Vivenda, os socialistas consideran prioritario saber cantas persoas no municipio necesitan unha vivenda, e crear un “rexistro permanente de demandantes de vivenda que poña nome e apelidos ás necesidades dos nosos cidadáns, que humanice esas esixencias, e que ofreza unha foto real do que nos piden os nosos veciños e veciñas”.
Os socialistas instan polo tanto ao goberno local na moción a:
• Realizar un estudo das necesidades de vivenda en Arteixo.
• Poñer en marcha un “Rexistro municipal permanente de demandantes de vivenda”
• Redactar un Plan de Vivenda Municipal co fin de impulsar a reforma, construción e aluguer de vivendas a prezo alcanzable.
• Comprometerse a que no Plan Xeral de Ordenación Municipal e nos desenvolvementos urbanísticos previos se incluirá o 30% de chan público reservado á construción de vivenda de protección pública
• Negociar coa Sociedade de Xestión de Activos procedentes da Reestruturación Bancaria (SAREB) un acordo para a cesión de vivendas desocupadas provenientes da xestión de activos procedentes da reestruturación bancaria, para ser destinadas a arrendamento social.