Os socialistas de Arteixo denuncian problemas de accesibilidade ás vivendas tralas obras das beirarrúas da Travesía de Meirás

O grupo municipal socialista solicita a reparación urxente dos accesos ás vivendas, especialmente ás de veciños dependentes con dificultades de mobilidade.

Tamén preguntarán pola xestión dos deslindes cos concellos limítrofes de Culleredo e A Coruña e polo proceso de contratación do PXOM.

Entrada da vivenda do nº 8 da Travesía de Meirás

Os socialistas de Arteixo presentarán no pleno de xullo un rogo para que o goberno local dea unha solución rápida de accesibilidade a unha veciña da Travesía de Meirás cun grado 3 de dependencia que ten serias dificultades para poder entrar e saír da súa casa trala construción de tramos de beirarrúas no barrio.

O concello realizou obras de urbanización no barrio das Eiras de Meicende coa  instalación de tramos de beirarrúas na Travesía de Meirás e na Rúa Ecuador pero sen ter en conta a accesibilidade ás vivendas, e nalgún caso sen adaptar a beirrúa ás entradas das vivendas.

“A mala execución das obras deixou enterradas as entradas ás vivendas existentes o que provoca problemas de accesibilidade ás persoas con escasa mobilidade como no caso dunha muller maior cun grado 3 de dependencia que ten serias dificultades para poder entrar e saír da súa casa e que derivado desta situación xa sufriu un accidente” explica a voceira socialista, Patricia Boedo. “E necesario que o goberno local dea unha solución urxente para que poidan entrar e saír das súas vivendas sen dificultade” di Boedo.

DESLINDES COS CONCELLO DA CORUÑA E CULLEREDO E REDACCIÓN DO NOVO PXOM

Os socialistas de Arteixo reclaman que no pleno pasado o grupo de goberno aprobou o novo inventario de bens pero non contestou ás preguntas sobre a xestión dos deslindes cos concellos limítrofes de Culleredo e A Coruña e sobre o proceso de contratación do PXOM, dúas mocións que xa foran presentadas polo grupo socialista no pleno de maio.

Por iso, indica a voceira socialista, “insistimos en saber cales foron as iniciativas que tomou o goberno local dende maio para negociar os deslindes cos concellos de A Coruña e Culleredo, tal e como foi acordado, e en que situación se atopa a contratación da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal”.

“Para o noso grupo estes documentos son esenciais para planificar e xestionar o Arteixo do presente e do futuro e non poden seguir esperando despois de 11 anos de goberno continuado do actual grupo de goberno. Ambas mocións foron aprobadas por unanimidade, co voto afirmativo do grupo de goberno do Partido Popular e sumáronse a decisión de sacar o prego de condicións da redacción do novo Plan Xeral” sinala Boedo.

Anterior
Anterior

Levamos a pleno | xullo 2022

Siguiente
Siguiente

O PSOE alerta da escaseza de espazos de aparcamento nos núcleos urbanos de Arteixo a pesares do programa aprobado polo goberno local en 2021 para gañar prazas de estacionamento