Os socialistas de Arteixo acusan ao goberno municipal de “xogar ao despiste” coa segunda residencia de maiores de Arteixo
O Concello de Arteixo anunciou este luns nas súas redes sociais unha charla informativa sobre como acceder a unha residencia de maiores que xa ten pechado o prazo de inscrición e todas as prazas cubertas.
O grupo municipal socialista de Arteixo denuncia que o Concello de Arteixo publicou este luns 21 de marzo nas súas redes sociais o anuncio dunha charla informativa sobre como acceder a unha residencia de maiores que xa ten pechado o prazo de inscripción desde o día 19 e que ademáis ten todas as prazas cubertas, para intentar “xogar ao despiste“ coa construción da segunda residencia de maiores no alto de Arteixo.
Ana Cedeira, portavoz do grupo municipal socialista, indica que “o prioritario é a construción da nova residencia de maiores tan demandada” e argumenta que “a proba desa demanda está no feito de que as prazas para esa charla están xa cubertas”, así que os socialistas solicitan ao goberno loal que organice “unha segunda charla informativa” para os solicitantes que quedaron fóra desta convocatoria, e ”que non a anuncie cando o prazo de inscripción estea rematado” para non “xogar ao despiste” e condicionar á veciñanza a pensar que existen prazas dispoñibles na actual residencia de maiores ou que se está a preparar unha listaxe para unha nova residencia”.
No pleno de febreiro do Concello de Arteixo aprobouse por unanimidade a moción presentada polo grupo socialista para a construción dunha segunda residencia de maiores para Arteixo así como unha moción do PP para solicitar á Deputación da Coruña un convenio de cooperación para a redacción dun proxecto básico para esa infraestrutura, sinala Cedeira, “pero aínda está por ver que eso se cumpra”
Os socialistas expoñen que a residencia construída pola Fundación Amancio Ortega non cubre as prazas que se precisan para atender a necesidade real de Arteixo, que xera unha lista de agarda importante e que ocasiona o traslado dos solicitantes a poboacións lonxanas ou pagar residencias privadas a prezos inasumibles para moitas familias.
O grupo municipal socialista exise ao goberno local que apremie a execución do aprobado no pleno e que non faga ningunha publicidade que poida xerar unhas expectativas na cidadanái que neste momento non se poden cumprir.
“Como explicamos no pleno anterior, Arteixo é un concello con forte capacidade de investimento e un orzamento elevado que o goberno local debe utilizar para dar calidade de vida á nosa veciñanza” engade Cedeira e indica que na planificación municipal debe ser prioritario “o benestar dos nosos maiores”.