O PSOE de Arteixo presentará unha moción en defensa das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar

Os socialistas instarán á Xunta a cumprir a “Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público” para evitar o desmantelamento dos equipos profesionais dos centros, dada a altísima temporalidade das traballadoras do Consorcio.

O grupo municipal socialista de Arteixo presentará unha moción en defensa das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar instando á Xunta a cumprir a Lei de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público e evitar así o desmantelamento dos equipos profesionais dos centros dada a altísima temporalidade das traballadoras do Consorcio.

A voceira socialista, Patricia Boedo lembra que o Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar é nunha das Administracións con maior taxa de temporalidade, pasando do 90 %.  “Unha temporalidade que afecta indiscutiblemente a mulleres, xa que, máis do 95% das máis de 2000 persoas que traballan nel, son mulleres” afirma Boedo.

A concelleira sinala que a finais do ano pasado ano aprobouse a Lei 20/2021 de medidas urxentes para a redución da temporalidade no emprego público, coa finalidade de minimizar esa temporalidade nas Administracións públicas e “todas as administracións deben ter publicadas as convocatorias dos procesos de estabilización antes do 31 de decembro de 2022”.

Boedo explica que a Xunta ten iniciado o proceso de elaboración de criterios para a baremación de méritos das prazas do Consorcio que saen a proceso de estabilización e que “afectan a máis de 1300 profesionais”, pero nos borradores que se coñecen “non valoran prioritariamente a experiencia das profesionais no Consorcio” para seguir ocupando a súa praza, “algo que as traballadoras consideran esencial” e polo que están e folga desde setembro os primeiros quince días de cada mes.

Para a portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, o feito de non valorar a experiencia destas traballadoras, “ademais de constituír unha anomalía no cumprimento do espírito da lei 20/2021” de resarcir o dano causado polo abuso de temporalidade nas Administracións, “conlevaría o desmantelamento dos equipos profesionais dos centros atendidos”, dada a altísima temporalidade das traballadoras do Consorcio, e “un dano económico para a propia Administración en indemnizacións que pagamos todos”

O grupo municipal socialista considera imprescindible que “a Xunta negocie de boa fe co Comité de Folga”, intentando chegar a acordos para que nos criterios de baremación de méritos no proceso de estabilización e de estabilización extraordinaria, se puntúe prioritariamente a experiencia das profesionais nos postos de traballo específicos desenvoltos no Consorcio Galego.

“Pedímoslle ao goberno local que asuma estas peticións que afectan tamén ás traballadoras no Concello de Arteixo que levan meses secundando esa folga, loitando polos seus postos de traballo, e que traslade estes acordos ao Presidente da Xunta de Galicia” remata Boedo, instando á Xunta a actuar en consecuencia e “resolver este grave problema con carácter inmediato”

 

Anterior
Anterior

O PSOE de Arteixo instará ao goberno local a poñerse a disposición do Goberno do Estado para que o proxecto de Maersk se instale en Langosteira.

Siguiente
Siguiente

Boletín de noticias #SocialistasArteixo Nº 7