O PSOE de Arteixo instará ao goberno local a poñerse a disposición do Goberno do Estado para que o proxecto de Maersk se instale en Langosteira.

Os socialistas consideran inaceptable que ao alcalde “lle dea asco” un proxecto que suporá miles de postos de traballo para a comarca e esixen que o goberno local pida a información sobre o protocolo xeral de colaboración asinado coa empresa MAERSK.

O grupo municipal socialista de Arteixo instará ao goberno local a informarse e poñerse a disposición do Goberno do Estado para impulsar actividade da empresa danesa Maersk  no porto de Langosteira como resultado do protocolo xeral de colaboración asinado entre o conselleiro delegado da multinacional danesa e Pedro Sánchez para explorar as oportunidades de produción de combustibles verdes a gran escala en España.

Os socialistas lembran que MAERSK, a segunda maior navieira de contedores do mundo, ten previsto facer de España un dos seus grandes centros de abastecemento de combustible renovable para a súa frota, cun proxecto que ronda os 10.000 millóns de euros de investimento e que segundo as informacións da propia empresa xerará 85.000 postos de traballo: 5.000 directos, 40.000 indirectos e outros tantos na fase de execución.

Galicia ten moitas posibilidades de recibir unha forte inversión por ter a disposición enerxía eólica e por estar situada nunha localización  estratéxica nas rutas marítimas do atlántico dos seus barcos. “Unha das localizacións posibles en Galicia é o Porto exterior de Langosteira situado no noso concello” afirma a portavoz do grupo municipal socialista de Arteixo, Patricia Boedo, e insiste que o porto que xa foi visitado por representantes da empresa danesa.“Pero observamos preocupados a posición do goberno local do PP en Arteixo, que en lugar de informarse e poñerse a disposición do Goberno do Estado para impulsar actividade no noso porto, declaraban no pleno pasado por boca do alcalde que: “o proxecto de MAERSK dálle asco”.

Para Boedo estás declaracións son totalmente “intolerables” por parte dun rexidor. “É inaudito que o máximo representante do concello poida estar en contra que o Goberno do Estado consiga unha inversión importante para o noso porto” afirma a concelleira socialista, “tendo en conta ademais a pouca actividade do porto a dia de hoxe” e que con esta posible inversión se podería xerar “unha forte inxección económica ao noso concello e un importante número de postos de traballo”

Ao respecto desas declaracións de Carlos, Calvelo, a voceira socialista sinala que “non lle escoitamos nunca dicir que as descargas sen control de carbón e de clínquer a ceo aberto que ensucian os núcleos  próximos ao porto lle dean asco”, pero si un proxecto que o propio presidente da Xunta de Galicia apoia e para o que propoñen o porto de Ferrol.  E engade que o goberno local desa cidade xa o está a promocionar, “algo que choca coas declaracións do goberno local de Arteixo”.

Desde o grupo municipal socialista pedirán que o alcalde rectifique e que o grupo de goberno do Partido Popular pida información ao Goberno de España sobre o protocolo xeral de colaboración asinado coa empresa MAERSK e se poña a disposición do Goberno de España para facilitar que  a posible inversión de MAERSK chegue ao porto de Langosteira.

Anterior
Anterior

O PSdeG-PSOE de Arteixo demanda actuacións efectivas para mellorar a seguridade viaria e a mobilidade da veciñanza na estrada a Fisterra 

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo presentará unha moción en defensa das traballadoras do Consorcio Galego de Servizos de Igualdade e Benestar