O PSOE de Arteixo califica de intolerable a actitude do alcalde co proxecto de MAERSK e insiste en que se poña a disposición do goberno de España para facilitar que se implante en Punta Langosteira

Os socialistas acusan ao alcalde de manter unha actitude inconcibible para un rexidor e presentarán nesta ocasión unha moción no pleno para instar ao concello a que pida información ao Goberno de España sobre o protocolo xeral de colaboración asinado coa empresa MAERSK.

O grupo municipal socialista de Arteixo instará novamente ao goberno local a informarse e poñerse a disposición do Goberno do Estado para impulsar actividade da empresa danesa Maersk  no porto de Langosteira como resultado do protocolo xeral de colaboración asinado entre o conselleiro delegado da multinacional danesa e Pedro Sánchez para explorar as oportunidades de produción de combustibles verdes a gran escala en España.

Tralas declaracións en novembro do alcalde Carlos Calvelo afirmando que “falar do proxecto de MAERSK lle daba asco”, os socialistas presentaron un rogo no pleno de decembro ao que o alcalde volveu contestar con agresividade argumentando unha falla de subministro de auga e enerxía no Porto de Langosteira para o desenvolvemento desta actividade, como se esa situación non fose solucionable.

A voceira socialista, Patricia Boedo, lembra que “no Polígono de Morás tíñamos o mesmo problema ante a posible instalación dunha nova fábrica de Estrella Galicia e coa implicación de EMALCSA e Augas de Galicia, vimos como esta nova infraestrutura será realidade nun futuro próximo” polo que “é inconcebible que o alcalde non queira estudar este proxecto” que ronda os 10.000 millóns de euros de investimento e que segundo as informacións da propia empresa xerará 85.000 postos de traballo: 5.000 directos, 40.000 indirectos e outros tantos na fase de execución.  

Para os socialistas de Arteixo, “é obligación do goberno local buscar solucións” e analizar como paliar os déficits que ten o porto de Langosteira para evitar que MAERSK busque outra ubicación para o seu proxecto, tendo en conta que o propio Presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda declarou que o goberno galego ofrecería colaboración para que este investimento sexa unha realidade, e indicaba que o porto de Ferrol podería ser un lugar óptimo para o proxecto.

“Gustaríanos ver a este goberno local promocionar o seu porto como fai o goberno local de Ferrol para que este proxecto quede no seu concello” di Patricia Boedo, porque “o que  nos preocupa aos arteixáns é que no noso concello fan falla novos postos de traballo”. “Os que perdemos con esta actitude do noso alcalde somos a cidadanía arteixá e non Carlos Calvelo” insiste a voceira socialista.

Boedo reitera que as declaracións e a actitude de Carlos Calvelo son totalmente “intolerables” por parte dun rexidor. “É inaudito que o máximo representante do concello poida estar en contra de que o Goberno do Estado consiga unha inversión importante para o noso porto” afirma a concelleira socialista, “tendo en conta ademais a pouca actividade do porto a dia de hoxe” e que con este posible investimento se podería xerar “unha forte inxección económica ao noso concello e un importante número de postos de traballo”

Desde o grupo municipal socialista insisten en  que o alcalde debe rectificar e  por iso presentan unha moción neste pleno para que o grupo de goberno do Partido Popular pida información ao Goberno de España sobre o protocolo xeral de colaboración asinado coa empresa MAERSK e se poña a disposición do Goberno de España para facilitar que  a posible inversión de MAERSK chegue ao porto de Langosteira.

 

Anterior
Anterior

O PSdeG- PSOE de Arteixo solicita ao goberno local que a “Conferencia Estratéxica” convocada polo alcalde tres meses antes das eleccións municipais se realice despois do proceso electoral

Siguiente
Siguiente

O PSdeG- PSOE de Arteixo urxe ao concello a redactar un Plan de Vivenda Municipal para garantir o acceso a unha vivenda digna