O PSOE de Arteixo denuncia a inseguridade viaria na AC-552 na contorna da Escola Infantil de Larín
Os socialistas piden que se volva sinalizar a vía a un máximo de 60km/hora e a instalación de elementos para que os vehículos teñan que moderar a súa velocidade.
O grupo municipal socialista de Arteixo denuncia a inseguridade viaria na contorna da Escola Infantil de Larín e piden que o concello esixa ao goberno da Xunta que se volva sinalizar a vía a un máximo de 60km/hora e a instalación de elementos para que os vehículos teñan que moderar a súa velocidade.
Os socialistas arteixáns explican que a veciñanza de Larín leva tempo pedindo que se tomen medidas para a seguridade viaria en certos puntos da estrada AC-552, propiedade da Xunta de Galicia, ao seu paso por dita parroquia, e que aínda que en maio de 2019 o alcalde Carlos Calvelo “trala solicitude dos veciños e unha iniciativa do noso grupo” prometeu a instalación dunha rotonda e un paso de cebra no seu paso por Casas Novas, “catro anos despois non sabemos nada da promesa realizada á veciñanza”.
A voceira do grupo municipal socialista, Patricia Boedo, sinala que recentemente o tramo da AC-552 na contorna da Escola Infantil de Larín pasou de estar limitado a 60 Km/h a ter sinais de máximo 90 Km/h, “poñendo así en risco a moitos usuarios da escola e ao propio bus escolar que ten que manobrar para acceder a dito centro escolar”.
Ante esta situación, os socialistas piden ao grupo de goberno do PP que esixa ao goberno da Xunta de Galicia “que garanta a seguridade viaria dos rapaces e familias de Larín que teñen que utilizar as paradas do bus escolar na AC-552 e volva sinalizar a vía a un máximo de 60 Km/h”, así como a instalación dalgún mecanismo para que os vehículos teñan que moderar a súa velocidade.