O PSdeG de Arteixo preguntará no pleno polo Plan Xeral de Ordenación Municipal, o proceso de aprobación do novo inventario de bens, e a negociación dos deslindes con A Coruña e Culleredo.
Despois de 11 anos de goberno popular os socialistas consideran que non se pode seguir a esperar por un documento esencial para planificar e xestionar o Arteixo do presente e do futuro.
O Grupo Municipal Socialista preguntará pola situación na que se atopa a contratación da redacción do novo Plan xeral de Ordenación Municipal xunto co proceso de aprobación do novo inventario de bens, e a negociación dos deslindes con A Coruña e Culleredo.
Os socialistas xa presentaran dúas mocións no anterior pleno municipal ordinario, solicitando que o grupo de goberno continuase cos traballos para finalizar os deslindes de Arteixo cos concellos de A Coruña e o de Culleredo e outra para finalizar a actualización do inventario de bens do noso concello.
Ambas mocións foron aprobadas por unanimidade, co voto afirmativo do grupo de goberno do Partido Popular e sumáronse á decisión de sacar o prego de condicións da redacción do novo Plan Xeral.
Tal como declarou a voceira socialista, Patricia Boedo, “estes dous documentos xunto ao Plan Xeral de Ordenación Municipal son esenciais para planificar e xestionar o Arteixo do presente e do futuro” e consideran que non se pode seguir esperando pola súa concreción despois de 11 anos de goberno continuado do actual grupo popular.
É por iso que o Grupo Socialista no Concello de Arteixo “quere preguntarlle ao goberno local cales foron as iniciativas para finalizar o proceso de aprobación do novo inventario de bens, e para negociar os deslindes cos concellos de A Coruña e Culleredo” dixo Boedo, ao tempo que declarou que “consideran esencial coñecer a situación na que se atopa a contratación da redacción do novo Plan Xeral de Ordenación Municipal.”
.