O novo grupo municipal socialista de Arteixo pídelle a Carlos Calvelo que non confunda maiorías absolutas con absolutismo
Patricia Boedo: “Faremos unha oposición construtiva e propositiva pero contundente. Temos a obriga de ser a voz da conciencia do goberno de Carlos Calvelo”
Os catro representantes do PSOE de Arteixo elixidos nas eleccións municipais do pasado mes de maio tomaron posesión esta mañá das súas actas no pleno de constitución da corporación local de Arteixo celebrado no centro Cívico.
Neste mandato o grupo municipal socialista de Arteixo estará formado por Patricia Boedo, Fernando Vázquez, que se estrea como concelleiro, e Ana Cedeira e Luis Vázquez que como Boedo xa formaban parte da corporación anterior.
Os catro representantes socialistas estiveron acompañados no pleno por familiares, amigos e compañeiros do Partido Socialista, como o deputado Martín Seco, secretario xeral dos socialstas arteixáns, e outros integrantes da candidatura socialista nas pasadas eleccións.
Os socialistas desexábanlle ao alcalde Carlos Calvelo “toda a sorte e acertos na súa xestión” para este mandato, porque “iso será bo para a cidadanía de Arteixo” pero tamén aproveitaron para pedirlle que “non confunda as maiorías abosultas co absolutismo”. “A maioría absoluta é resultado da libre expresión dos cidadáns e cidadás nas urnas, pero non debe converterse en absolutismo, porque o poder non se pode exercer sen límites” dixo Boedo. “Os membros da oposición temos a responsabilidade de fiscalizar esa xestión e ese poder, e os socialistas faremos unha oposición construtiva e propositiva pero contudente, porque temos a obriga de ser a voz da conciencia de Carlos Calvelo”