O grupo municipal socialista de Arteixo acusa ao goberno local do PP de perder unha liña de subvención da Deputación para un programa de arte urbana

Lembran que ese programa de arte urbana en medianeiras á vista foi aprobado en pleno por unanimidade hai dous anos a proposta do grupo socialista.

O grupo municipal socialista de Arteixo acusa ao goberno local do PP de perder unha liña de subvencións da Deputación para un programa de arte urbana que foi aprobado en pleno por unanimidade no 2021.

Os socialistas sinalan que dous anos despois se descoñece o desenvolvemento do acordo plenario resultado da iniciativa presentada polo grupo socialista en 2021 que pretendía mellorar a imaxe do concello e a posta en valor do talento arteixán.

“Moito nos tememos que quedou en papel mollado” afirma a voceira socialista, Patricia Boedo, “como a maioría das iniciativas da oposición que aproba o goberno en pleno, que semella que votan a favor de moitas delas para sacarse o tema do medio e ao saír da sesión plenaria meter as propostas nun caixón”.

Boedo explica que no documento de orzamentos de 2023 aparecía unha partida para “murais urbanos” de 50.000 euros “que o goberno dixo que estarían destinados a un mural na nova piscina de Meicende e que nós aplaudimos” pero o grupo socialista entende que “ese non é o programa que debera de ter a planificación dun proxecto a nivel de todo o concello para mellorar a imaxe de moitas medianeiras dos diferentes núcleos arteixáns e darlle espazo aos creadores”.

A concelleira socialista engade que “debido ao desleixo do goberno municipal do PP de Arteixo e o total desprezo polos acordos tomados no Pleno municipal”, non se pode optar a unha liña de subvención da Deputación Provincial para a realización de actividades de eventos de arte pública urbana onde cada concello podería recibir un máximo de 35.000 euros.

 “A cidadanía arteixá debe saber saber cal foi o desenvolvemento do acordo plenario resultado da iniciativa presentada polo grupo socialista que pretendía mellorar a imaxe do noso concello e a posta en valor do talento arteixán” argumenta Patricia Boedo quen inquire para concluír “se o goberno municipal é coñecedor da liña de subvención publicada pola Deputación da Coruña para este tipo de certames e como cualifican a perda desta liña de subvencións polo desleixo do goberno no cumprimento do acordo plenario”.

 

Anterior
Anterior

Levamos a pleno | Febreiro 2023

Siguiente
Siguiente

Os socialistas demandan un plan de investimentos para o barrio do Alto de Arteixo.