O PSOE de Arteixo denuncia o cambio de criterio do goberno local sobre a instalación de parques eólicos no municipio
O goberno municipal desatende a petición da veciñanza de Suevos de remodelación do proxecto do parque eólico de Langosteira, a diferenza con outros proxectos eólicos no concello.
Martín Seco: “A súa instalación non sería posible se o PP tivera cumprido a súa promesa de 2014 de ter legalizado o núcleo do porto, ao incumprir as distancias esixidas por lei”
O goberno do Partido Popular en Arteixo rexeitou a petición do grupo municipal socialista para levar a cabo as actuacións administrativas e xudiciais necesarias para evitar a construción do parque eólico de Langosteira tal e como está proxectado e publicado no DOG de outubro de 2024, e desatende así as peticións da veciñanza de Suevos para a remodelación do proxecto, ao situarse os muíños a pouca distancia das vivendas.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco lamenta a posición do goberno local nesta ocasión, a diferenza cos proxectos de liña de alta tensión que pretendía cruzar Loureda ou do Parque eólico de Carboeiro, e recorda que “a súa instalación non sería posible se o PP tivera cumprido a súa promesa de 2014 de ter legalizado o núcleo do porto, ao incumprir as distancias esixidas por lei” e considera que “o concello debera de situarse ao lado da veciñanza para actuar xudicialmente nos procesos de autorización que xurdan para paralizar a construción deste parque tal e como está proxectado pola súa proximidade ás vivendas”.
O portavoz do grupo municipal socialista, Martín Seco explica que Inditex pretende instalar no porto exterior de Langosteira un parque eólico que estivo en información pública no Diario Oficial de Galicia dende o venres 25 de outubro para poder alegar durante 30 días contra a solicitude de autorización administrativa previa, a autorización administrativa de construción e o estudo de impacto ambiental das instalacións proxectadas.
O parque contará con tres aeroxeneradores que sumarán unha potencia de 19,8 megavatios que abastecerán as factorías de Inditex en Sabón, así como ao propio Porto Exterior e cada un dos muíños terá una altura de 170 metros.
A veciñanza do porto de Suevos presentou alegacións pedindo a remodelación do proxecto, porque aínda que se ubicará en terreos do Porto Exterior calificados como solo industrial, algún dos muíños estará a pouca distancia dalgunhas vivendas e “advirten que terán un gran impacto visual e de saúde”.
“Donde queda aquilo de que o goberno de Arteixo sempre estaría en contra dos proxectos eólicos que afectaran á poboación?” remata Seco.