Os socialistas de Arteixo reclaman un plan de erradicación de especies invasoras aberto á participación da cidadanía
A proliferación de plantas como a herba da pampa ou a unlla de gato, así como o crecemento descontrolado das colonias de cangrexos e sapoconchos americanos supoñen unha ameaza para os ecosistemas autóctonos.
Distintos organismos, de ámbito nacional e internacional, advertiron xa sobre a invasión da gramínea Cortaderia selloana, máis coñecida como herba ou “plumacho” da Pampa. En Arteixo, esta planta está estendida por todo o termo municipal, pero o problema resulta especialmente preocupante en zonas como Suevos ou o polígono de Morás. O Centro de Extensión Universitaria e Divulgación Ambiental de Galicia (CEIDA) e o Grupo Naturalista Hábitat, entre outras entidades, instaron ás administracións a tomar medidas urxentes en contra da súa expansión, pero o Grupo Municipal Socialista non ten constancia de que se adoptara, dende o goberno local, ningunha medida para facer fronte á ameaza.
O PSdeG-PSOE presentou unha moción, que será debatida no próximo pleno, para elaborar e executar, en caso de que non exista, un plan de acción contra especies invasoras. Non só contra a herba da Pampa, senón contra todas as especies vexetais e animais foráneas que proliferan polo territorio do concello e que poñen en risco os ecosistemas autóctonos. A unlla de gato, a pesar das campañas de voluntariado ambiental dos últimos anos, segue gañando terreo nas praias de Arteixo e no encoro de Meicende non deixaron de medrar as colonias de cangrexos e sapoconchos americanos, por poñer algúns exemplos.
A concelleira socialista Susana Lebón defende a necesidade de “buscar a implicación e a colaboración da cidadanía para erradicar estas especies tan daniñas”. Solicítalle ao goberno municipal un plan de acción que contemple “a realización de campañas de concienciación e formación sobre os distintos métodos para identificalas e erradicalas”, así como un maior apoio ao voluntariado e ás entidades ecoloxistas existentes no concello. Reclama, ademais, a publicación na páxina web do Concello das actuacións que se realicen desde a Concellería de Medio Ambiente e Medio Rural para protexer a flora e a fauna locais.