O PSOE de Arteixo insta ao goberno municipal a buscar alternativas para celebrar a Feira 1900
Simón López lamenta “a falta de vontade do PP” para reactivar a programación cultural e lembra que outros concellos veciños adaptaron o formato das súas celebracións ás restricións sanitarias que aínda están en vigor.
A supresión da partida orzamentaria destinada á Feira 1900 foi obxecto de debate no último pleno do Concello de Arteixo. O goberno de Carlos Calvelo privou ao sector cultural dos 78.000 euros reservados para a festa histórica e desviou eses fondos, co voto en contra do PSdeG-PSOE, ao departamento de Urbanismo. Para xustificar esta decisión, o PP escudouse nun informe elaborado supostamente no mes de xullo, ao que non tiveron acceso os grupos da oposición, no que se recomenda non realizar o evento sen ter en conta a evolución favorable da situación sanitaria nos meses posteriores. O portavoz socialista, Simón López, considera que “se trata dunha decisión política que prexudica á xente da Cultura, pero tamén ao comercio e á hostalería, que perden unha das fins de semana de máis actividade do ano”.
Arteixo renuncia á súa festa mentres outros concellos veciños buscan formas de adaptar as súas celebracións ás restricións que aínda están en vigor. López lembra, por exemplo, que “en Culleredo celebraron, con todas as precaucións, a súa feira medieval ou o Morriña Fest sen que tiveran ningunha repercusión en termos epidemiolóxicos”. Lamenta a falla de vontade do goberno municipal para retomar a axenda anual de eventos e denuncia que “o PP prefire desviar eses cartos a cemento porque a Cultura non é unha prioridade para eles”.
O PSOE entende que hai alternativas abondo para celebrar a Feira 1900 con plenas garantías sanitarias. Simón López defende que “en Arteixo contamos con moitísimos espazos onde realizar todas as actividades gardando a distancia de seguridade e se non lles dá tempo a organizar a festa na súa data habitual, tamén a poden pospoñer un par de semanas”. O concelleiro lembrou no pleno que a Xunta ampliou a capacidade dos recintos deportivos e o ocio nocturno e que o 90% da poboación diana recibiu a vacina en Galicia, pero cre que “Carlos Calvelo e Ana Bello seguen utilizando a pandemia como escusa para ocultar a súa nefasta xestión cultural”.