O PSOE reclama a construción de vivenda pública nos novos desenvolvementos urbanísticos de Arteixo
O goberno local aprobou a urbanización de dúas Unidades de Actuación no centro urbano nas que está prevista a apertura de novas vías e a construción de edificios de uso residencial.
O concello de Arteixo soporta unha enorme presión demográfica e moitas familias seguen tendo serias dificultades para acceder á vivenda. De cara aos próximos anos, está prevista a construción de novas promocións residenciais no termo municipal e o PSdeG-PSOE defende a necesidade de reservar unha porcentaxe do solo edificable para vivenda pública. Nas últimas semanas, o goberno municipal aprobou a urbanización da Unidade de Actuación 49 (UA-49), emprazada na contorna da residencia e a escola infantil construída pola Fundación e Amancio Ortega e a UA-8, onde está prevista a apertura dunha nova vía que conectará a rúa Ría de Vigo coa rúa dos Cabalos. Ningunha dos dous proxectos contempla, inicialmente, a construción de vivenda pública ou protexida, algo que ven con preocupación dende o Grupo Municipal Socialista.
O portavoz do PSdeG-PSOE no Concello, Simón López, cre que “o desenvolvemento destes dous ámbitos, situados en pleno núcleo urbano, ofrece unha magnífica oportunidade para facilitarlle o acceso á vivenda a moitas familias do noso concello”. O prezo desorbitado das novas promocións inmobiliarias é inasumible para un sector moi amplo da poboación e o elevado importe dos alugueres supón unha barreira para a emancipación da mocidade. “A solución ao problema da vivenda é complexa”, recoñece López, “pero o goberno do PP debe demostrar vontade política para dar resposta a unha das principais demandas da veciñanza”. Arteixo, en opinión dos socialistas, “ten que seguir crecendo, pero debe facelo de maneira ordenada e sen deixar de lado a ninguén”.