O PSOE de Arteixo insta ao goberno municipal a axilizar a urbanización da contorna do Centro de Día

Simón López lamenta o “reiterado incumprimento” das promesas do PP de Carlos Calvelo sobre a construción das beirarrúas e o aparcadoiro nunha zona pola que transitan diariamente decenas de persoas.

Representantes do Grupo Municipal Socialista e a Executiva Local durante unha visita á zona.

O goberno municipal de Arteixo anunciou, hai apenas uns días, a concesión das obras de urbanización da contorna da residencia, o centro de día e a escola infantil da Galiña Azul. Trátase dunha actuación moi demandada pola veciñanza e prometida en reiteradas ocasións polo PP de Carlos Calvelo, que ata o momento foi incapaz de cumprir os seus compromisos. O PSdeG-PSOE considera que a construción de beirarrúas e a ordenación das zonas de aparcadoiro na rúa Río Tambre e no Camiño dos Cabalos é “unha necesidade urxente”, por este motivo dende a agrupación local instan ao equipo de goberno a axilizar a execución dos traballos.

Durante unha visita á zona en compañía de varios integrantes do Grupo Municipal e a Executiva Local do partido, o portavoz socialista no Concello, Simón López, denunciou a falla de seguridade peonil nun lugar tan céntrico coma este. “A zona está literalmente a monte e por aquí camiñan diariamente moitos nenos e nenas que acoden á escola infantil, así como os usuarios do centro de maiores”, indica López. O concelleiro considera que “a obra debería estar rematada hai moito tempo” e insiste en que “non podemos agardar a que haxa un atropelo para actuar”.

Á ausencia de beirarrúas hai que sumar a velocidade excesiva á que circulan moitos vehículos polas rúas incluídas no proxecto de urbanización. Apenas hai instalada unha banda redutora de velocidade e pola noite, as carencias do alumeado público fan que se incremente a sensación de inseguridade para os viandantes. Segundo Simón López, “en 12 anos de maiorías absolutas, o PP non amosou o máis mínimo interese por ocuparse dunha zona moi transitada en pleno centro de Arteixo”.

Anterior
Anterior

O PSOE denuncia os reiterados atrasos das obras de prolongación da Avenida Baldomero González

Siguiente
Siguiente

O PSOE de Arteixo esixe responsabilidades á concelleira de Cultura tras inventarse un informe para suspender a Feira 1900