O PSOE de Arteixo esixe responsabilidades á concelleira de Cultura tras inventarse un informe para suspender a Feira 1900
O goberno municipal recoñece que o documento, elaborado supostamente polos técnicos de Cultura, nunca existiu e o Grupo Municipal Socialista cre que Ana Bello debería dimitir “por dignidade política”.
No pleno do pasado mes de setembro, o PP de Carlos Calvelo aprobou unha modificación de crédito para suspender a Feira Histórica 1900 e destinar ao departamento de Urbanismo o orzamento reservado para esta celebración. Para xustificar a decisión, a concelleira de Cultura Ana Bello apelou a un suposto informe onde se recomendaba non facer a festa por motivos sanitarios. O PSdeG-PSOE votou en contra da moción, ao entender que había alternativas abondo para deseñar unha programación adaptada aos protocolos de prevención da covid-19. O portavoz socialista, Simón López, solicitou ademais que se lle remitira o documento redactado, segundo o goberno municipal, polos técnicos do departamento de Cultura.
Con varias semanas de demora, a propia concelleira respondeu por escrito e recoñeceu que ese informe nunca existiu. Isto demostra, en opinión de Simón López, “que a cancelación da Feira 1900 foi unha decisión estritamente política e que o PP utilizou unha mentira coa intención de derivar a súa responsabilidade cara aos técnicos municipais”. Por este motivo, os socialistas vanlle esixir responsabilidades a Ana Bello e ao propio alcalde, que aludiu a ese suposto informe na súa intervención no pleno. O portavoz do PSdeG entende que “por dignidade política, tras este intento de enganar á veciñanza de Arteixo, a concelleira debería presentar a súa dimisión”.
Na súa resposta, a concelleira explicou que decidiron organizar “só un mínimo programa cultural, evitando os eventos de masas que poderían supoñer un risco para a poboación”. O certo é que por parte do Concello non se programou ningunha actividade relacionada coa feira histórica, que desapareceu por completo da axenda de eventos do ano 2021. Simón López lamenta “o desprezo do PP cara ao tecido asociativo que cada ano se implica na festa” e insiste en que “noutros concellos adaptaron as súas festas ás recomendacións sanitarias, pero aquí optaron por desviar a cemento o diñeiro reservado para a Cultura”.