O PSdeG-PSOE solicita a modificación do trazado proposto por Acciona para a alta tensión

A nova liña suporía un impacto irreversible no val do Rego da Ibia e o Picoto da Veiga, en Monteagudo, dúas zonas de enorme valor paisaxístico afastadas das grandes infraestruturas e os polígonos industriais.

0420210812.jpg

A mobilización da veciñanza, que rexeitou de maneira unánime o trazado previsto para a liña de alta tensión entre un futuro parque eólico en Carballo e o Polígono de Morás, levou a Acciona a presentar unha nova proposta menos lesiva co patrimonio ambiental e paisaxístico de Arteixo. A agrupación local do PSdeG-PSOE recibiu a noticia con agrado, pero despois de analizar detidamente os planos e falar coa xente das zonas afectadas, constatouse a necesidade de efectuar unha nova modificación no proxecto antes de continuar coa tramitación.

O percorrido proposto pola empresa afecta de maneira importante ao val do Rego da Ibia e o Picoto da Veiga, na parroquia de Monteagudo, dúas zonas de especial interese paisaxístico e natural que actualmente apenas teñen afectación industrial ou de grandes infraestruturas. Por este motivo, o portavoz socialista no Concello, Simón López, considera que “deben preservarse inalteradas para as vindeiras xeracións”. Na súa opinión, “da mesma forma que se protexeu a Fraga de Sisalde, debemos asegurar tamén que todo o Rego da Ibia, cos seus muíños e o bosque autóctono existente, sexa preservado sen verse prexudicado polo impacto visual dos cables”.

 

Alternativas

O PSdeG-PSOE presentará no próximo pleno unha moción para instar a Acciona a revisar o proxecto actual atendendo as demandas da veciñanza de Monteagudo, que xa expresou o seu malestar co novo trazado. As alternativas propostas pasan por trasladar as torres e a liña eléctrica aérea cara a unha zona máis próxima á autoestrada AG-55 ou ben por soterrar os cables nesta parte do percorrido. Simón López confía en que a moción socialista conte co respaldo de toda a corporación e insiste na necesidade de aprobar, canto antes, “un Plan Xeral no que se definan as zonas que deben estar suxeitas a especial protección ambiental, patrimonial e paisaxística”.

Anterior
Anterior

ASÍ NON! A CENTRALITA DO CONCELLO LEVA DÍAS SEN FUNCIONAR

Siguiente
Siguiente

Solicitamos a reparación inmediata da estrada de subida a Santa Leocadia