Pedimos por quinta vez que se convoque a Comisión de Seguimento do Coronavirus
Arteixo ten unha incidencia acumulada superior aos 800 casos por cada 100.000 habitantes e 258 novos casos nos últimos 14 días. A pesar desta situación tan grave, o Goberno local négase a convocar a Comisión de Seguimento do Coronavirus, un órgano destinado a informar á corporación, ademais de ser un foro para poder dar suxestións e loitar de maneira conxunta contra esta pandemia e as súas consecuencias.
Presentamos por rexistro unha nova solicitude, a quinta desde maio, na que, a maiores da convocatoria dos representantes políticos, pedimos que nesta comisión participen tamén os representantes sociais do concello, “especialmente sanitarios, hostaleiros e o comercio”, explica Simón López, voceiro do grupo socialista.
“É a quinta vez que solicitamos a súa convocatoria desde maio e o alcalde, Carlos Calvelo, négase sen ningún argumento, só recorre á mentira de que o que queremos é cobrar cando os concelleiros participantes nunca recibimos un só euro por participar nesta comisión”
Unha vez rematada a mesma, propoñemos dar unha rolda de prensa a través das redes e canles online do Concello para “informar a toda a poboación das medidas que se van tomar dun xeito áxil. É fundamental que a veciñanza saiba o que se vai facer desde a administración local ou as axudas -se é o caso- que poden solicitar”.
Por outra parte, reclamamos ao Goberno local que retome as desinfeccións diarias en zonas de alto tráfico de persoas como os centros de saúde e escolares, zonas deportivas, parques, paseos, paradas de bus ou farmacia.
“É a quinta vez que solicitamos a súa convocatoria desde maio e o alcalde, Carlos Calvelo, négase sen ningún argumento, só recorre á mentira de que o que queremos é cobrar cando os concelleiros participantes nunca recibimos un só euro por participar nesta comisión”, aclara López.