O PSdeG DENUNCIA A DESIDIA DO CONCELLO DE ARTEIXO CO INGRESO MÍNIMO VITAL
“Mentres Concellos como A Coruña ou Cambre xa teñen
tomado medidas para axudar a súa veciñanza, en Servizos Sociais de Arteixo non
dan ningún tipo de información e derivan ás persoas ao INSS”
O grupo municipal preguntará no próximo pleno
sobre o IMV, despois de recibir múltiples queixas de familias solicitantes
Os socialistas denuncian
“a desidia” do Concello de Arteixo á hora de axudar á veciñanza coa tramitación
do Ingreso Mínimo Vital. “Nestes días lemos nos medios de comunicación como
outros Concellos como A Coruña ou Cambre xa teñen tomado medidas para axudar a
súa veciñanza, mentres o Goberno local de Arteixo non da ningún tipo de
información e deixa a súa sorte ás familias usuarias e deriva ás persoas ao
INSS”.
Pero as queixas que teñen
trasladado usuarias e usuarios de Servizos Sociais van máis alá: as citas
previas alárganse demasiado no tempo, a entrega dos certificados necesarios é
moi lenta, sen contar que, moitas persoas non teñen medios telemáticos.
Subliñan desde a formación socialista.
A propia concelleira de
Servizos Sociais asegurou á prensa que practicamente se teñen duplicado as
solicitudes de axuda a raíz da crise do coronavirus. Ademais de ser moitas
familias as prexudicadas, a problemática é dobre posto que, a falta de
compromiso do departamento que dirixe Inés Ramos implica que poidan perder o
IMV ao que teñen dereito con carácter retroactivo desde xuño, sempre que se
solicite antes do 15 de setembro.
Recorda o grupo municipal
do PSdeG-PSOE que no pleno de xuño aprobouse unha moción para solicitar
información ao Estado sobre o Ingreso Mínimo Vital, que recentemente ten
aprobado o Goberno presidido por Pedro Sánchez. Nesa sesión, expuxemos a
facilidade da tramitación ao ser multicanal, e, agora, podemos ver como
municipios da contorna xa teñen firmado acordos coa Seguridade Social para
reducir os trámites administrativos.
“É unha cuestión de
voluntariedade”, afirman desde o grupo socialista. Expoñen que no próximo pleno
preguntarán ao Goberno local que pasos ten dado para axudar á veciñanza a
xestionar as solicitudes do IMV; se xa teñen un acordo coa Seguridade Social
para reducir os trámites administrativos, máxime cando “a maioría da cidadanía
non ten a Chave ou o certificado dixital”.