O PSOE de Arteixo solicita ao Goberno que restaure o Muíño do Rañal dentro da ampliación do paseo fluvial
O grupo local abandona a sesión plenaria despois de que o PP se negara a aprazar 10 días un asunto de urxencia do que os e as concelleiras socialistas descoñecían a documentación
A
corporación arteixá celebrou hoxe unha sesión plenaria extraordinaria na que o
grupo socialista votou a favor da expropiación para a ampliación do paseo
fluvial de Arteixo desde o polígono de Sabón ata O Rañal. Co obxectivo de
conservar o patrimonio cultural e etnográfico do municipio, o PSdeG-PSOE
solicitou ao Goberno local que inclúa a restauración do Muíño do Rañal neste
proxecto, ademais de arranxar o actual paseo fluvial e realizar as obras
necesarias para acabar cos vertidos de augas residuais. Os socialistas instaron
tamén ao Goberno a que tivese en conta a todas as formacións políticas para
levar a cabo esta actuación.
Respecto
ao Proxecto de Expropiación Urbanística polo Sistema de Taxación Conxunta, para
a Execución de Planeamento para a Mellora de Interseccións na Travesía de
Pastoriza co paseo de Santuario e a rúa Igrexario, o grupo municipal incidiu en
que se trata dunha actuación “moi necesaria polo perigo dos cruces”. Non
obstante, durante a sesión plenaria expuxéronse algunhas dúbidas co sistema e
as contías a pagar aos propietarios, motivo polo que as e os socialistas se
abstiveron e exixiron ao Goberno local a máxima garantía e transparencia no
proceso de expropiación.
Como
asuntos de urxencia, o Goberno incluíu unha modificación do proxecto para a
construción da piscina de Meicende, cuxa información subiron a Drive sen avisar
aos grupos da oposición. Dada a actual situación de excepcionalidade na que se
celebran os plenos, as distintas formacións políticas solicitaron que se
retirase este punto da orde do día para o seu estudo e dado que en 10 días terá
lugar a sesión ordinaria. O Goberno do PP negouse a aprazar á sesión do 25 de
xuño esta modificación, polo que as e os concelleiros socialistas decidiron
abandonar o pleno, como protesta polo que consideran unha “falta de respecto” á
labor da oposición. Recordan desde o PSdeG-PSOE que sería unha
“irresponsabilidade e unha temeridade” votar algo sen ter lida a documentación.