A corporación aproba as mocións do PSdeG-PSOE relativas a melloras en educación
Os socialistas propoñen un plan para reducir a fenda
dixital e reclaman unha serie de actuacións para garantir “unha educación de
calidade nuns espazos de convivencia axeitados”
O PSOE vota a favor de eliminar as taxas das terrazas e do feirón durante este ano
A corporación de Arteixo
apoiou no pleno as dúas propostas do grupo local do PSdeG-PSOE para melloras en
educación. Os socialistas defenderon un Plan para Reducir a Fenda Dixital e de
Aprendizaxe, así como esixir á Xunta as inversións necesarias no concello para
cumprir coas ratios e distancia social establecidas polo Ministerio de
Educación.
Deste
xeito, o Concello de Arteixo instará á Xunta para levar a cabo un Plan para
Reducir a Fenda Dixital e de Aprendizaxe. Os socialistas defenderon na súa
moción que dito plan garantiría a equidade e calidade do sistema educativo,
para elo, debería incluír, entre outros aspectos, o deseño e posta en marcha de
programas educativos de radio e/ou TV que dean cobertura ao alumnado sen
ordenador nin conexión. Acordos coas empresas de telecomunicacións e coa UNED
para reducir ao máximo o custe de acceso aos recursos educativos online. Traballar
en colaboración co Ministerio de Asuntos Económicos e Transformación Dixital
para que o Programa de Extensión de Banda Ancha de Nova Xeración (PEGA-NGA) que
prevé axudas para as zonas onde non hai cobertura se implemente canto antes,
propiciando que o 100% da poboación de España teña acceso a internet, entre
outras propostas.
Do mesmo xeito, exixirá á Xunta as inversións necesarias
no concello para cumprir coas ratios e distancia social establecidas polo
Ministerio de Educación, e garantir “unha educación de calidade nuns espazos de
convivencia axeitados”. Os socialistas de Arteixo levan anos denunciando “a
masificación dos centros educativos do concello e a falta de inversión da
Consellería de Educación para dotalos de infraestruturas, persoal e mantemento”.
As ratios de alumnos de moitos centros educativos arteixáns é moi elevada e a
saturación dos espazos é excesiva, ao que
hai que sumar “a falta de efectivos entre persoal de apoio e
especialistas que limita a capacidade de levar a cabo unha boa xestión daqueles
alumnos con máis problemas lectivos”.
Respecto ás propostas do Goberno local, os socialistas
mostráronse a favor das modificacións das ordenanzas relativas ás taxas de
terrazas e do feirón, a través das cales se elimina este imposto durante o
presente ano (do 1 de xaneiro ao 31 de decembro de 2020). “Estaremos a favor de
todo o que sexa axudar aos autónomos e pemes”, subliñou o concelleiro Simón
López.
A corporación arteixá
tamén debateu varias mocións levadas polos diferentes grupos, entre a que se
atopaba unha do PP para Instar ao Goberno de España a proporcionar información
sobre o Ingreso Mínimo Vital. Os socialistas abstivéronse neste punto e
recalcaron a “importancia que ten aprobar o IMV” e recordaron que a Covid
propiciou a súa tramitación por vía de urxencia, “haberá marxe de mellora nos
próximos meses coa tramitación da lei”, os socialistas incidiron en que a súa
tramitación é moi “sinxela ao ser unha solicitude multicanal e, neste caso, os
concellos só teñen que asesorar” ás persoas solicitantes.