“Queremos un Arteixo máis competitivo, con máis emprego e máis eficaz na súa xestión” - Municipais #26M
Os socialistas inclúen no seu programa electoral unha serie de medidas para que favorecen a creación de postos de traballo dignos
“Arteixo
é un municipio cun potencial incrible e os socialistas queremos poñer en marcha
unha serie de medidas que fagan crecer e prosperar ao noso concello. Isto
tradúcese en máis servizos, máis oportunidades e máis emprego para a
cidadanía”, afirma Martín Seco, candidato á Alcaldía de Arteixo polo
PSdeG-PSOE.
Entre
estas propostas destaca a Empresa de
Servizos que integre a xestión da auga, recollida de residuos, limpeza e
mantemento. Ademais de mellorar a eficacia do día a día, implicaría un incremento
dos postos de traballo que se cubrirían desde unha bolsa de emprego local na
que se “garanta a igualdade de oportunidades entre todos e todas as veciñas de
Arteixo”.
Para
loitar contra o desemprego, os socialistas propoñen a creación dunha Axencia Local de Promoción Económica
que terá como principal obxectivo fomentar o emprego mellorando a bolsa de
traballo e ofertando unha formación adecuada as necesidades das empresas e as
TIC. “Falaremos co tecido empresarial para firmar convenios en busca de que a
xuventude logre o seu primeiro emprego”.
Nesta
liña, os socialistas queren poñer en marcha un viveiro de empresas e unha serie
de axudas destinadas a autónomos e pequenas empresas.
“Os
socialistas temos como máxima poñer no centro ás persoas e facer políticas que
beneficien a toda a veciñanza por igual”, incide Seco, para explicar que outra
das medidas que propoñen os socialistas de Arteixo é a posta en marcha dun Centro Especial de Emprego para persoas
con capacidades diferentes.
“Aínda
que o noso obxectivo e planificar as diferentes dotacións nun plan xeral,
teremos que ir avanzando nalgunhas cuestións, como a construción dunha Praza de Abastos”, afirma Seco. No
mesmo apartado inclúen darlle un impulso ao Feirón de Arteixo e estudar a posibilidade de poñer en marcha un
mercadiño de segunda man.