O PSdeG-PSOE de Arteixo avoga por medidas que permitan a participación cidadá na vida pública - Municipais #26M


Os socialistas queren que a veciñanza asigne unha porcentaxe dos orzamentos, ademais de reactivar o Consello Veciñal


Outras das medidas son a reestruturación dos recursos humanos do Concello, que os plenos volvan ser pola tarde e a reapertura de Radio Arteixo



“Os socialistas queremos que a veciñanza participe da vida pública para construír entre todos e todas un Arteixo mellor”, afirma Martín Seco, candidato socialista á Alcaldía de Arteixo. O programa electoral do PSdeG-PSOE inclúe un apartado con medidas para que a administración local estea máis preto da veciñanza.


“Se son alcalde, terei un horario de atención directa á veciñanza para que os veciños e veciñas poidan expoñer, presentar, demandar e exixir o que  consideren de interese”, indica Seco. Ademais, os socialistas queren que os plenos volvan ser pola tarde para facilitar a asistencia da cidadanía e a reapertura de Radio Arteixo. No seu programa inclúen a posta en marcha dunha APP para móbiles, coa idea de facilitar a comunicación e os trámites entre o Concello e a veciñanza.

Os socialistas avogan por reactivar o Consello Veciñal, ademais de crear outros sectoriais como o de Deporte e da Cultura. No mesmo apartado, inclúen a posta en marcha do Consello Escolar Municipal.

A cidadanía asignará unha porcentaxe dos orzamentos municipais, e os socialistas dotarán de contido o Portal de Transparencia para que “os veciños e veciñas podan consultar a información do Concello e estean ao tanto da labor do Goberno”.

Por último, o PSdeG-PSOE propón unha reestruturación do persoal do Concello “garantindo e dignificando o seu traballo”. Dentro da vida administrativa, apostan por revisar e actualizar as ordenanzas municipais para simplificar a normativa e derrogar as que xa non sexan de utilidade pública.
Anterior
Anterior

O PSdeG-PSOE creará a Policía Verde para controlar os vertidos e a contaminación en Arteixo - Municipais #26M

Siguiente
Siguiente

“Queremos un Arteixo máis competitivo, con máis emprego e máis eficaz na súa xestión” - Municipais #26M