Moción sobre a Atención Primaria en Arteixo


ATENCIÓN PRIMARIA NO CONCELLO DE ARTEIXO

A concepción da atención primaria como porta de entrada do sistema sanitario supón, máis alá dun termo amplamente mencionado, unha concepción do sistema non focalizado na atención hospitalaria e que permita estender e descentralizar o contacto das persoas coa sanidade, de forma que se achegue máis ao territorio e, por tanto, estea máis preto.

Unha atención primaria fortalecida supón unha maior capacidade de funcionamento da rede de hospitais, que ven menos saturadas as súas propias dinámicas de funcionamento, dende a redución de entradas en urxencias ata a optimización de tempos e de diminución de listas de espera.

O envellecemento da poboación e o aumento da cronicidade supoñen un dos problemas esenciais que ten que afrontar o sistema público de saúde. No caso de Galicia, estas cuestións aumentan a súa relevancia debido ás propias condicións demográficas en termos de idade, e condicionadas tamén pola dispersión da poboación e as dificultades de infraestruturas e redes de comunicación na Galicia rural. O fortalecemento da atención primaria nestes casos supón unha necesidade maior e case imperativa para poder achegar os servicios sanitarios á poboación, tanto en termos de infraestruturas como de persoal.

Dende a chegada ao goberno de Núñez Feijoo en 2009 o sistema público de saúde soamente ten contratado de maneira estable a menos dun 15% dos titulados MIR, o que supón un dato preocupante. Unha cifra tan baixa resulta a todas luces insuficiente para cubrir as necesidades dun sistema que precisa unha dispersión notoria e unha forte implantación no territorio, para paliar os problemas demográficos antes sinalados. Unha maior contratación suporía a posibilidade de non ter que concentrar servicios, afastando a atención dos e das cidadáns,

A construción de novos centros de saúde, ou a reforma dalgúns xa existentes, supón outro dos grandes déficits da atención primaria na sanidade pública galega. Os orzamentos de 2016, 2017 e 2018, por coller os exemplos máis recentes, coinciden nos compromisos de varios centros de saúde apuntados nun e outro,  os mesmos sucesivamente, ignorando ningunha responsabilidade polo anuncio e compromiso de infraestruturas que logo nunca se inician e ademais sen incluír ningunha partida orzamentaria específica. O Plan de Mellora da Atención Primaria, iniciado na lexislatura 2005-2009, supuxo unha base estratéxica que non foi continuada polos gobernos de Núñez Feijóo, que non amosaron un proxecto real para o fortalecemento da atención primaria.

A atención pediátrica na atención primaria supón unha das maiores reivindicacións de carácter local e comarcal nas demandas sanitarias de Galicia. O reducido número de especialistas de pediatría existentes dificulta a posibilidade de incorporar especialistas necesarios ao sistema de saúde. Nos 9 anos de goberno de Núñez Feijóo non existe unha proposta firme de medidas para paliar este déficit e o problema de falta de profesionais e, por tanto, de alteración na asistencia sanitaria pediátrica, continúa sen que exista previsión de mellora. Existen mecanismos en formación, contratación e planificación que permitirían afrontar de maneira real unha problemática que, doutro xeito, persistirá e enquistará no sistema.

No caso sinalado do Concello de Arteixo, a atención primaria realízase nos centros de saúde de Arteixo, Vilarrodís e Meicende. A atención sanitaria vese aminorada no caso dunha baixa ou vacacións dalgún profesional, pois se limitan en exceso as substitucións e o resto de profesionais deben asumir a carga de traballo total, acumulándose as esperas e os retrasos. Esta situación ven sendo alertada polos profesionais e usuarios, sen que dende o SERGAS se ofreza unha solución satisfactoria.

Ademais do sinalado, o centro de saúde mantén unhas instalacións con algúns defectos de conservación que está a sufragar o Concello ante a incapacidade da Xunta de Galicia.


Instar á Xunta de Galicia a:


1. Asumir a titularidade do centro de saúde de Arteixo, en virtude do acordo asinado coa FEGAMP, facéndose cargo do mantemento das instalacións por ser competencia autonómica.

2. Sufragar os arranxos necesarios que se están a facer no Centro de Saúde para poder manter as condicións necesarias para unha correcta atención sanitaria.

3. Aumentar o número de profesionais no servizo de urxencia, 1 médico habitual e apoio doutro os fins de semana, insuficientes para a poboación a que dan servizo

4. Garantir a correcta atención primaria no Concello de Arteixo mediante a contratación necesaria de substitutos facultativos de medicina xeral e, de ser o caso, de atención pediátrica, para poder manter o número de profesionais activos no centro de saúde segundo está planificado.

5. Acordar co Goberno de España que facilite e axilice os procesos de acreditación de prazas de novo ingreso á formación especializada en pediatría, e dotar dos recursos necesarios aos centros sanitarios e facultade de medicina da USC para que exista a mellor cobertura posible de todo o proceso formativo.

Anterior
Anterior

MOCIÓN POLA SITUACIÓN DOS CAUCES DOS NOSOS RÍOS

Siguiente
Siguiente

ROGOS AO GOBERNO LOCAL POLA OBRA DO TROCO DE SENTIDO DAS RÚAS GUERRA DA INDEPENDENCIA E RECONQUISTA E POLO APARCAMENTO DE VEHÍCULOS PESADOS NO CASCO URBANO E MARXES DO POLÍGONO