O PSdeG-PSOE acudirá á caravana convocada polo concello pese as deslealtades de Calvelo ao acordo tomado polo pleno por unanimidade
A Agrupación Socialista de Arteixo acudirá á convocatoria dunha caravana reivindicativa para a liberalización da peaxe da AG-55 en Pastoriza, baseada nun acordo unánime de todos os grupos da corporación arteixá e da que nos non nos movemos nin un só milímetro, posto que aquí o importante son os veciños e que os seus representantes saiban estar unidos ante as súas necesidades. O que ten que dar explicacións polo troca de actitude e de posición é o alcalde de Arteixo, que pasou da moción unánime de todos os grupos do concello a presentar unha nova moción que nin tan sequera esixe a retirada do convenio Xunta-Fomento e a peaxe da AG-55 en Pastoriza para todos os veciños ademais da non construción desa nova vía entre Pocomaco e Pastoriza.
Dende o noso grupo facemos un chamamento a todos os veciños a participar na caravana e tamén en todas as iniciativas veciñais que xurdan neste senso e a petición ao alcalde de que volva á cordura e a representar a todos os veciños de Arteixo e non só ao Partido Popular, ademais de ser solidario e colaborador cos problemas comúns que temos cos concellos veciños e cunhas comarcas como a de Bergantiños e a Costa de Morte, que nos apoian na nosa reivindicación local e tamén merecen o apoio na deles.
Dende o PSdeG-PSOE seguiremos participando e tomando iniciativas en todos os lugares onde temos representación política, para conseguir a tan necesaria eliminación da peaxe e dotar ao noso territorio e aos nosos cidadáns dun futuro mellor, polo que anunciamos que representantes do noso partido, acudirán á caravana para respaldar a nosa reivindicación.