MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA SOBRE MEDIDAS PARA AVANZAR NA LAICIDADE DO ESTADO NO ÁMBITO MUNICIPAL.


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

A laicidade é un sinal de identidade que é consubstancial á soberanía do poder civil, á liberdade individual e á democracia. Reivindicacións históricas como a liberdade de conciencia e de cultos, a secularización dos cemiterios, o matrimonio civil e o divorcio, a liberdade de investigación, a educación laica e a non imposición da relixión no ensino ou a coeducación son conquistas dunha sociedade democrática e secularizada que hoxe son patrimonio compartido pola inmensa maioría da cidadanía.

Na última década, a igualdade de xénero, a regulación do aborto, o matrimonio de persoas do mesmo sexo, a investigación biótica e a educación para a cidadanía, toparon con fortes resistencias ante as que reafirmamos a liberdade de conciencia dos cidadáns e a soberanía do poder civil fronte a imposicións relixiosas.

As conviccións de conciencia, relixiosas, agnósticas ou ateas son asunto privado, de cada persoa, da súa liberdade individual. Cada persoa é titular do dereito de liberdade ideolóxica e relixiosa. Pero o exercicio da liberdade de conciencia e relixiosa ten unha transcendencia pública inevitable. O feito relixioso contén dimensións públicas, sociais, culturais e políticas. Por iso esixe unha política, con opcións e propostas consecuentes, proporcionando garantías e regulando o seu exercicio de maneira constitucionalmente adecuada. 

A coherencia dunha democracia constitucional esixe un compromiso firme coa laicidade do Estado e así debería figurar explicitamente na Constitución. A pesar da consolidación das liberdades constitucionais, no noso país perduran tres grandes problemáticas cuxa revisión debe afrontarse sen dilación: a asimetría da arquitectura xurídica do dereito de liberdade relixiosa, o trato de favor á Igrexa católica con discriminación para as minorías, e a permanencia de numerosos elementos de confesionalidade do Estado en actos, símbolos e espazos públicos. 

É por iso que na nosa proposta de reforma constitucional contemplamos, entre outros aspectos, a supresión da referencia á Igrexa católica do art. 16.3 da Constitución, por tratarse dunha esixencia do principio de laicidade e por ser absolutamente innecesaria e perturbadora desde a perspectiva do principio de neutralidade e da igualdade das confesións ante o Estado. 

Con independencia do curso que poida ter no seu día e no seu caso a reforma constitucional, o Estado non pode discriminar aos seus cidadáns por motivos relixiosos; e a cooperación coas confesións debe facerse de tal modo que salvagarde a laicidade do Estado, a liberdade e a igualdade de todos os grupos relixiosos e dos non crentes. A xestión pública da diversidade relixiosa por parte de Concellos e Comunidades Autónomas é un poderoso instrumento para garantir en condicións de igualdade o exercicio da liberdade de conciencia, relixiosa e de culto. 

A apertura de lugares de culto, a xestión dos cemiterios, as condicións da asistencia relixiosa en hospitais e residencias ou as previsións urbanísticas deben adecuarse a unha cidadanía diversa e plural, incluíndo nestes mesmos espazos aos cidadáns que non son crentes.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de somete a votación esta MOCIÓN para adoptar os seguintes ACORDOS:

1- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a impulsar unha nova Lei de Liberdade de Conciencia e Relixiosa que garanta a toda a cidadanía o dereito á liberdade de conciencia, á liberdade relixiosa e á liberdade de culto, regulando as relacións coas diferentes confesións co fin estrito de respectar e protexer o dereito individual á liberdade relixiosa en pleno cumprimento dos principios constitucionais de igualdade, pluralismo e non confesionalidade.

2- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a incorporar á lexislación criterios de actuación para as autoridades públicas en actos relixiosos, tamén nos ámbitos autonómico e local, para evitar a confusión ou a alianza entre a función pública e a relixiosa, a confesionalidade e a discriminación respecto doutras confesións ou grupos agnósticos ou ateos.

3- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a elaborar un protocolo para a organización de actos "in memoriam", de carácter civil, promovidos polas autoridades públicas con ocasión de catástrofes, homenaxes, falecemento de personalidades, atentados, etc. 

4- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a establecer, de acordo coa Constitución, unha escola pública laica como garantía dos valores públicos e de respecto das crenzas privadas. A escola debe integrar no seu currículo o ensino dos valores públicos que consideramos a base da nosa cidadanía e que, por iso, han de ser cursados por todo o alumnado. De aí, que no modelo de escola pública non caiba a integración, nin no currículo nin no horario escolar, de ensinos confesionais. Para iso instamos a promover as reformas necesarias do marco legal actual, así como dos acordos internacionais. 

5- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a reformar a regulación actual da LOMCE sobre valores sociais, culturais e éticos. A formación en contidos e valores de cidadanía non debe exporse de forma segmentada como se establece actualmente.

6- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a reclamar a titularidade do dominio ou doutros dereitos reais sobre os bens que desde 1998 foron inmatriculados a favor da Igrexa católica, se dita inmatriculación se produciu sen a existencia dun título material e previo que xustifique a titularidade ao seu favor do dereito real sobre o ben inmoble de que se trate, ou cando o mesmo sexa ou fose un ben non susceptible de propiedade privada por ser de dominio público, aínda no caso de que non estea catalogado formalmente como tal, se historicamente gozou desa presunción ou tratamento.

7- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a avanzar no establecemento do autofinanciamento das confesións relixiosas e establecer a fiscalizade xeral para aqueles bens das confesións relixiosas que non estean afectos a uso de culto ou social.

8- Conservar os símbolos relixiosos institucionais de edificios públicos cando se atopen en espazos destinados ao culto, ou cando formen parte dos elementos estruturais, estéticos ou artísticos da edificación ou monumento. Os demais, previa catalogación e ditame, retiraranse.

9- Incorporar, na medida do posible e gradualmente, referencias, actos e conmemoracións de carácter civil ao calendario oficial do municipio e a determinadas festividades locais.

10- Adoptar as medidas necesarias para que as tomas de posesión ou promesa de cargo se fagan unicamente ante un exemplar da Constitución.

11- Instar ó Congreso dos Deputados e ao próximo Goberno de España a proceder á denuncia dos Acordos de 1979 entre España e a Santa Sé e, ao seu termo, establecer un novo marco de relacións de acordo co principio de laicidade do Estado.

12- O Concello creará un Observatorio Municipal de Laicidade, aberto á participación dos grupos políticos municipais, asociacións e entidades cidadás co obxectivo de promover campañas informativas no ámbito municipal dirixidas a toda a cidadanía, sobre o significado da Laicidade, a Declaración Universal dos Dereitos Humanos, a Tolerancia, a liberdade de pensamento e de conciencia e, por tanto, a liberdade relixiosa, sobre o principio constitucional: "Ningunha confesión terá carácter estatal".

Anterior
Anterior

“O Grupo Municipal Socialista pídelle ao goberno do PP na sesión plenaria que negocie cos propietarios a protección da Fraga de Sisalde”

Siguiente
Siguiente

MOCIÓN do PSdeG-PSOE de Arteixo en relación á paralización do calendario da LOMCE