“O PSdeG-PSOE de Arteixo solicitará incluír na Moción Institucional, actualmente en negociación por parte de toda a corporación municipal, nomear a Ana Pastor persoa non grata e iniciar mobilizacións veciñais contra Fomento”
O pasado pleno de Febreiro o Grupo Municipal Socialista entregou a
tódolos grupos da oposición unha moción de urxencia para pedir que o concello
mostrase a posición conxunta de toda a corporación, contraria á decisión do
Ministerio de Fomento de construír a chamada cuarta ronda e non liberar a peaxe
da AG-55 entre A Coruña e Arteixo. Esta moción retirouse a instancia do Grupo
de Goberno do Partido Popular, ata a incorporación do Alcalde de baixa por
enfermidade e convocouse unha Xunta de Voceiros para redactar unha Declaración
Institucional conxunta ao ter tódolos grupos unha posición común neste tema.
No día de onte, celebrouse a Xunta de Voceiros e o Grupo
Socialista recibiu a solicitude do Grupo de Goberno do PP, para modificar a
moción e facela máis extensa, incluíndo á comunicación á Xunta de Galicia para
que non asine o convenio co Ministerio de Fomento e a posibilidade de denunciar
o caso ante Bruselas polo mal uso dos fondos europeos cos que está financiada a
actual obra do Quinto Pino, que quedaría totalmente inutilizada coa construción
desta nova infraestrutura.
Ademais, dende este grupo solicitamos que se inicie unha campaña
de información e se faga un chamamento aos cidadáns para que se mobilicen, cos
seus representantes, contra esta decisión de Fomento.
Dende o Grupo Municipal Socialista estamos asombrados polo mal trato que
o Partido Popular, ao fronte do Goberno do Estado e a Xunta de Galicia, amosa
co noso Concello, tratándonos como un concello menor de idade e sen que o Grupo
de Goberno local faga valer o peso político que ten dentro do seu propio
partido. Administracións que teñen abandonado ao noso concello, sen afrontar as
necesidades sociais, de servizos, medioambientais e territoriais que teñen os
nosos veciños e a nosa actividade económica, polo que solicitaremos a inclusión da
declaración de persoa non grata no concello de Arteixo para a Ministra Ana
Pastor, culpable política da situación política que estamos a vivir.