ROGO melloras na Oficina Municipal de Información ao Consumidor OMIC
Despois de que durante toda a lexislatura pasada o Grupo Municipal Socialista solicitara en diversas ocasións o traslado da oficina de información ao consumidor OMIC, que o goberno de Carlos Calvelo situara no mesmo espazo físico que o padrón e o rexistro municipal, sen o mínimo de intimidade necesario para poder realizar un traballo de asistencia ao cidadán correcto, vemos como o PP, por fin escoita o clamor cidadán e traslada dita oficina para o Centro Tecnolóxico, onde goza dun espazo pechado a nivel auditivo aínda que non visualmente.
Dende o Grupo Municipal Socialista valoramos este traslado positivamente e recoñecemos a mellora con relación a situación creada o mandato anterior, pero poderían aproveitar para facer unha mellora aínda maior e proceder a estudar a posibilidade de utilizar algún espazo máis céntrico e de mellor capacidade para que os cidadáns con maiores problemas de mobilidade poidan acceder e onde se poidan levar a cabo actividades informativas e formativas en materia de consumo que a sociedade está a demandar e que nas que a nosa técnica podería realizar un gran traballo, polo que despois de felicitar ao goberno polo traslado de dita oficina, ROGAMOSLLE ao goberno local que estude a posibilidade de establecer dita oficina nalgún céntrico espazo municipal onde a técnica poida facer o seu traballo de xeito íntimo e levar a cabo iniciativas e actos para a potenciación dun consumo responsable e do coñecemento dos dereitos dos consumidores.