O Grupo Socialista esixe á Consellería de Educación que invista no noso Concello e que realice as melloras que piden os pais para os comedores do municipio
Os pais dos centros escolares dependentes da Consellería de Educación da Xunta de Galicia levan meses pedindo varias melloras para as escolas ás que acoden os seus fillos, como por exemplo a construción dunha cociña no CEIP Arteixo ou, máis recentemente, a ampliación e renovación deste espazo no CEIP Ponte dos Brozos. Ante estas demandas a resposta da administración autonómica estivo preto de ser nula.
O correcto, o xusto, sería que a Consellería financiara de inmediato a construción dunha cociña no CEIP Arteixo, evitando comida de catering, e a ampliación e renovación da cociña do CEIP Ponte dos Brozos. Ademais deberían procurarse medidas de mellora para os outros centros ou, como mínimo, para os de educación infantil e primaria: CEIP San Xosé Obreiro de Meicende e CEIP Galán.
Se a Consellería non asume as súas responsabilidades debe ser o Concello o que o faga, como unha medida excepcional, tratando de repercutirlle o custo á administración galega. Para iso, debe incluír nos presupostos de 2016 as actuacións anteriores e tamén outras como a cobertura das pistas de xogo do IES de Pastoriza, permitindo o seu uso por parte dos cidadáns.
A maiores, o Concello de Arteixo leva realizado un investimento millonario en actuacións de mellora que se debían ter financiado por parte da Consellería, sen recibir, a data de hoxe, compensación algunha. Cada nivel da administración ten as súas competencias, e debe asumilas. Por tanto, a Consellería debe reembolsar ao Concello todas estas obras.
Por último, deberíase comezar a estudar a necesidade da construción dun novo CEIP, ao estar os actuais a total capacidade a día de hoxe.
Os socialistas emendaremos os presupostos autonómicos para tratar de incluír estas peticións.