Moción do Grupo Municipal Socialista sobre a Mancomunidade e a xestión dos residuos urbáns


Nas derradeiras datas vemos como, nos medios de comunicación, nos informan do interese do Grupo de Goberno do PP no concello de Arteixo, por abandonar o Consorcio das Mariñas e non formar parte da futura Mancomunidade que estaba a piques de poñerse en funcionamento.

Dende o Grupo Municipal Socialista de Arteixo, somos conscientes que o servizo de recollida de lixo é deficiente no noso concello e o prezo é desorbitado comparado co que teñen que pagar os veciños dos concellos lindeiros como Laracha ou A Coruña, pero tampouco nos parece idóneo e responsable este xeito de facer as cousas por parte do goberno local, sen a lealdade esixida ao resto dos concellos veciños e sen ter estudios sobre os custos e a viabilidade de recuperar este servizo e facelo público

Do mesmo xeito somos conscientes, que un dos grandes problemas que ten a veciñanza da nosa área metropolitana, é a falla de proxectos e solucións ante problemas comúns a tódolos veciños desta área, cuestións como a mobilidade, o transporte, o emprego, os servizos sociais, o abastecemento de auga, o saneamento ou a xestión dos residuos, son temas que deberíamos de tratar conxuntamente.

O tempo político necesita altura de miras e ter a capacidade de poñer en marcha unha auténtica mancomunidade, na que estea integrada a gran cidade de A Coruña, cun sistema de decisión que respecte o seu número de cidadáns e tamén os concellos pequenos e de medio tamaño que teñen que ter tamén a súa capacidade de decisión dentro deste órgano.

Dende o noso concello podemos liderar esa proposta de cambio da mancomunidade, propoñendo un novo catálogo de servizos e os cambios oportunos no sistema de xestión dos residuos, para que sexa máis económico e de mellor calidade, así como máis respectuoso co noso medioambiente. E no caso de non ter a resposta axeitada por parte dos concellos integrantes do actual Consorcio, ter un estudio serio dos custes e beneficios de municipalizar o servizo de recollida de lixo e da viabilidade de facelo por vía da xestión pública, ademais de ter avaliado o custe de abandonar o Consorcio e as inversións en infraestrutura e persoal que teríamos que realizar, así como a viabilidade de contratación que teríamos coa lei estatal actual.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal os seguintes ACORDOS:
  • O Pleno do Concello de Arteixo expresa a súa intención de pertencer a unha nova mancomunidade, da que forme parte a cidade de A Coruña, onde se amplíe o catálogo de servizos, e se poñan solucións aos grandes problemas do noso entorno, como son, a mobilidade, o transporte público, o emprego e os servizos sociais.
  • O Pleno do Concello de Arteixo insta ao Consorcio das Mariñas a negociar coa cidade de A Coruña, a súa integración na Mancomunidade nunhas condicións axeitadas, cunha representación equitativa aos seus habitantes e respectuosa cos concellos máis pequenos, ademais de elaborar un novo catálogo de servizos para os concellos integrantes. 
  • O Pleno do Concello de Arteixo insta ao Consorcio das Mariñas a levar a cabo unha avaliación do servizo de recollida de lixo, establecendo medidas para abaratar o custo do servizo, así como melloras na calidade que se lle da aos administrados e con mellores programas de xestión medioambiental. 
  • O Pleno do Concello de Arteixo insta ao Goberno local a facer un estudio económico dos custos de recuperar o servizo de recollida do lixo para o noso concello e un estudio de viabilidade dunha posible xestión pública posterior.
Anterior
Anterior

Inauguración da Casa do Pobo do PSdeG-PSOE de Arteixo; quedas convidada/o

Siguiente
Siguiente

“Dende o Grupo Socialista desexamos utilizar os 750.000 euros dese novo Plan de Acción Social posto en marcha polo actual goberno da Deputación de A Coruña, para actuacións que melloren a calidade de vida dos nosos cidadáns”