MOCIÓN DO GRUPO MUNICIPAL SOCIALISTA DE ARTEIXO ESIXINDO A POSTA EN MARCHA DE MEDIDAS CON CARÁCTER URXENTE PARA GARANTIR A SUPERVIVENCIA DO SECTOR LÁCTEO GALEGO
O
gandeiro é un sector produtivo vital para Galicia, e tamén para a
provincia de A Coruña. Sen embargo, a importancia do sector non se
pode medir exclusivamente en termos económicos de produción, PIB ou
volume de negocio.
A
actividade gandeira ten moitas outras repercusións que non deben
esquecerse como a súa acción sobre o territorio, sendo coñecido
que onde hai un aproveitamento responsable e unha ordenación do
territorio sensata inflúe moi positivamente na prevención de
incendios e na conservación do medio ambiente.
Tamén
é fundamental a actividade agrícola gandeira para a viabilidade e
sostibilidade de un tecido económico secundario que obtén
fundamentalmente os seus ingresos destes produtores tales como
talleres, almacéns de suministros, comercializadores de combustibles
ou empresas de transformación agraria.
A
maiores, existe un problema demográfico coñecido e recoñecido por
todos os axentes sociais en determinadas zonas da nosa provincia,
onde as actividades gandeiras non son só unha garantía de
mantemento de familias no rural se non un verdadeiro potencial de
crecemento demográfico e económico en moitos concellos a través do
exercicio propio, tanto da actividade gandeira, como da actividade
asociada.
Nos
últimos anos, os gandeiros padeceron a maior reconversión e
transformación coñecida dun sector produtivo na historia recente de
Galicia.
Tamén
os gandeiros da provincia de A Coruña fixeron inxentes esforzos para
adaptarse a un novo modelo produtivo, abandonando as pequenas
explotacións e a maioritaria produción de carne para afrontar o
futuro dun mercado crecente de leite e derivados lácteos, no que
España era produtora deficitaria e a demanda superaba con creces a
produción.
Esta
situación mantense na actualidade, xa que se segue a producir menos
leite en España do que se consume. Pese a iso, o produtor de leite
galego segue cobrando polo litro de leite moito menos que en outras
comunidades ou outros estados da Unión Europea. Un comportamento
ilóxico dun mercado que, tendo máis demanda que produción, abarata
os prezos da materia prima debido á influencia negativa que para os
nosos gandeiros ten a globalización e a regulación do mercado a
nivel europeo sen unha acción en defensa contundente e ca
utilización de todos os recursos que poderían por en marcha tanto a
Xunta de Galicia como o Goberno Central.
A
maiores, hai que engadir o mínimo peso de industria transformadora
de derivados lácteos presente en Galicia, o que nos fai obter
ingresos, fundamentalmente, da venda de materia prima sen obter valor
engadido da comercialización de produtos elaborados.
Coa
desaparición das cotas lácteas, os gandeiros enfrontáronse a un
novo reto, a adaptación á liberalización do mercado. A inacción
ou actuación incompetente e irresponsable tanto da Xunta de Galicia
como do Goberno Central resultaron en que, este feito, que podía ser
unha oportunidade de crecemento para o sector, se convertese nun
verdadeiro drama que, de non solucionarse con inmediatez, levará ao
peche e abandono da actividade de moitas explotacións pola súa
inviabilidade económica nun contexto de mercado que mudou, e no que
non teñen proteción nin medidas concretas que garantan a
sostibilidade da súa actividade.
Fai
poucas datas o PSdeG-PSOE esixía unha serie de medidas ao Goberno
Central, que aínda hoxe son necesarias.
A
introdución da figura do mediador e fortes sancións para que a
industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña
contratos á baixa; se incorpore como referencia o volume obxecto do
contrato a produción dos últimos 12 meses, garantindo a recollida e
prohibindo o dobre prezo para ese volume; se elabore un plan de
inspeccións claro e con seguemento periódico; a elaboración dun
programa de crédito que axude aos productores; establecer un foro
permanente de representación dos axentes implicados no sector;
definir e regular un sistema de trazabilidade do leite e derivados e
melloras na etiquetaxe.
A
día de hoxe, nada útil se fixo por parte do Sr. Feijoo e do Sr.
Rajoy para solucionar o problema de produtores. Se algo cambiou foi a
peor.
Hai
gandeiros aos que directamente non se lles recolle o leite. Non se
garante a recollida de leite nas explotacións baixo a ameaza de
sacar ao mercado excedentes almacenados coa única finalidade de
tirar os prezos da materia prima. O prezo do litro de leite segue
baixando, marcando mínimos históricos cada día. Xa son moitos os
gandeiros aos que lles pagan só 18 céntimos de euro por litro e moi
poucos os que acadan os 30 céntimos de euro. A consecuencia
inmediata desta situación é o colapso económico das explotacións,
que se vén obrigadas a vender por debaixo dos custes de produción.
Á
miseria que os gandeiros reciben pola súa produción hai, que sumar
a ameaza de importantes multas pola coñecida como “supertaxa”,
problema ante o que o Goberno Central non ofrece ningunha solución a
produtores e o Sr. Feijoo parece non ter entre as súas prioridades.
Despois
do desesperante pasotismo da Xunta de Galicia e do Goberno Central
que non adoptaron as medidas necesarias a tempo para evitar chegar ao
colapso actual, é necesario actuar con inmediatez e con medidas
concretas que garantan a viabilidade das explotacións, protexan aos
gandeiros, garantan unha comercialización responsable e estimulen o
consumo.
Así
mesmo, no marco dunha regulación autonómica e estatal inútil e dun
mercado europeo que na situación actual debilitan as opcións de
viabilidade e incluso supervivencia dos nosos gandeiros, é necesaria
a implicación de todas as administracións.
Por
todo o exposto e ante a crítica situación que atravesa o sector
lácteo en Galicia, o Grupo Municipal Socialista no Concello de
Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN,
e a adopción dos seguintes
ACORDOS:
1-.
Esixir ao Goberno Central e á Xunta de Galicia a inmediata posta en
marcha das medidas concretas propostas anteriormente polo PSdeG-PSOE:
- A introdución da figura do mediador e fortes sancións para que a industria non fixe os prezos de xeito unilateral, nin impoña contratos á baixa.
- Se incorpore como referencia o volume obxecto do contrato a produción dos últimos 12 meses, garantindo a recollida e prohibindo o dobre prezo para ese volume.
- Se elabore un plan de inspeccións claro e con seguemento periódico.
- A elaboración dun programa de crédito que axude aos produtores.
- Establecer un foro permanente de representación dos axentes implicados no sector.
- Definir e regular un sistema de trazabilidade do leite e derivados e melloras na etiquetaxe.
2-.
Esixirlle ó Sr. Feijoo, que como Presidente da Xunta de Galicia,
primeira Comunidade produtora de leite en España, dea prioridade
absoluta á situación do sector lácteo, e lidere as xestións
necesarias ante o Goberno Central para poñer fin á crise dun sector
vital para Galicia e garantir o futuro do mesmo.
3-.
Esixir á Xunta de Galicia que habilite os instrumentos lexislativos
e operativos para garantir a recollida de leite nas explotacións
galegas a un prezo que garanta a viabilidade das explotacións.
4-.
Esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central un plan específico
para a valoración real e colocación de excedentes da industria
láctea a través de medidas como as compras públicas de
intervención deses excedentes, almacenamento privado e entrega a
terceiros países.
5-.
Esixir ao Presidente da Xunta de Galicia e ao Presidente do Goberno
Central que fagan as xestións necesarias para pór na axenda europea
de inmediato o problema do sector lácteo galego co impulso de
medidas concretas que adapten a regulación do mercado europeo á
realidade do sector produtivo galego e estatal.
6-.
Esixir á Xunta de Galicia a posta en marcha dunha campaña de
estímulo do consumo de leite e derivados de procedencia galega a
través de campañas de concienciación en comedores escolares,
servizos de hostalería públicos ou con vinculación coas
administracións públicas, así como programas específicos de
concienciación.
7-.
Esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central a actuación eficaz
da Comisión de Competencia, para que execute de maneira inmediata e
contundente as inspeccións e sancións contra as comercializadoras
que utilizan o leite como un produto reclamo para o consumidor.
8-.
Esixir á Xunta de Galicia e ao Goberno Central que se habilite de
inmediato unha Comisión de Valoración de contratos vixentes con
capacidade para anulalos se as condicións para o gandeiro non
respectan parámetros de viabilidade, garantía de duración e
recollida de leite.
9-.
Instar á Xunta de Galicia a que, de acordo co Goberno Central, poñan
en marcha de xeito inmediato, un plan galego de implantación de
industria transformadora de derivados lácteos en Galicia con dúas
vertentes: a produción de produtos tradicionais, que permita
diversificar a produción propia das explotacións; e a produción de
derivados lácteos de consumo masivo, vinculado a un plan de
incremento das exportacións e penetración en mercados emerxentes.
10-.
Instar á Xunta de Galicia a impulsar as cooperativas como axentes
aglutinadores de produtores, e a que faga as xestións necesarias
para habilitar os instrumentos precisos para que as propias
cooperativas teñan capacidade de negociación efectiva coa
industria, sobre a comercialización da produción dos gandeiros e
asociados.