MOCIÓN PARA INSTAR AO GOBERNO LOCAL QUE ANULE O CONVENIO ASINADO CO ARZOBISPADO DE SANTIAGO NO ENTORNO DA RECTORAL DE LOUREDA


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O PSdeG-PSOE considera que a parroquia de Loureda é deficitaria nun local social axeitado para poder realizar actividades, ter reunións ou levar acabo eventos, ademais de ter un déficit evidente en zonas de lecer para os nenos e os maiores, polo que dende o noso grupo entendemos que é positivo que se levaran a cabo reunións co Arzobispado de Santiago co gallo de conseguir que a Rectoral de Loureda e a horta adxunta puidesen ser cedidas para uso dos cidadáns desta parroquia, sempre que non se fixese un uso inapropiado dos fondos públicos nunha propiedade privada e máis nos tempos de crise que afectan a moitas familias do noso municipio, nese caso apostaríamos por buscar outro emprazamento axeitado para ter unha instalación propia ao servizo do pobo. 

O convenio asinado entre o Concello de Arteixo e o Arzobispado de Santiago de Compostela está enmarcado dentro dun Plan Director encargado polo concello de Arteixo, que ten como obxectivo conseguir a declaración de BIC para o entorno da igrexa e casa rectoral de Loureda e polo tanto non asegura a posible inversión sacada do tanto por cento cultural das obras de Fomento que se está a dar por segura nos medios de comunicación polo goberno local, o convenio baséase na necesidade do Concello de Arteixo de ter un arquivo municipal, un museo da historia de Arteixo e un local social para esta parroquia. Dende o Grupo Municipal Socialista entendemos que de ser así, debería de terse solicitado do técnico municipal un informe que avalase este convenio e a planificación deste arquivo municipal nun local privado, con posible reversión aos trinta anos e a máis de tres kilómetros dos edificios administrativos do concello, pero atopámonos que non existe tal informe e polo tanto debería de ser punto de inicio para valorar a sinatura de dito convenio. A necesidade dun museo da historia en Arteixo e dun local social dificilmente poderían avalar a inversión de máis de millón e medio de euros nunha propiedade que non é pública e que se atopa nun estado lamentable, tendo algún expediente de disciplina urbanística dende o 2004, revisado no ano 2009 e que está sen solucionar, motivado polo estado ruinoso e perigoso no cal se atopan as instalacións e o muro perimetral, situación que debería de ser solucionada por parte do propietario, o arzobispado de Santiago de Compostela e no seu caso podería ser motivo para a negociación co propietario para a cesión deste inmoble para os cidadáns do concello a cambio do arranxo destas instalacións, como se comezara a negociar na anterior lexislatura. 

Se un analiza o convenio, acaba por decatarse que o gran beneficiado, e por certo, o responsable de ter o inmoble nesta lamentable situación é o Arzobispado de Santiago de Compostela, que consigue o compromiso de ter licitadas as obras das construccións anexas á casa rectoral, en estado ruinoso, antes de Decembro deste ano 2015, construccións que segundo o plano do Plan Director estarán destinadas a dependencias para usos parroquias e para uso museístico. Consigue que o arranxo do primeiro piso da Casa Rectoral, quede para uso eclesiástico e simplemente os 50 metros cuadrados do baixo quedan para uso veciñal e cultural dos veciños. O resto das edificacións, arquivo e edificio veciñal habería que construilas novas, quedando ao paso de 30 anos como propiedade do Arzobispado de Santiago de Compostela. Existen outro tipo de obras que teñen que ver co entorno, pavimento, aparcamentos e obras no entorno da Igrexa que son obras prescindibles e que en todo caso seguen a beneficiar maioritariamente ao Arzobispado, sen deixar de lado que o retablo da igrexa, de gran valor cultural queda excluído das inversións, e só é utilizado para justificar a existencia dun ben de interese cultural. 

O cálculo do que supón unha inversión de 1.500.000 euros en 30 anos, son 4.167 euros ao mes en inversión, máis os gastos correntes que a infraestrutura ocasione, mantemento e demais conceptos antes mencionados. 

Dende o PSdeG-PSOE preguntámonos se nos tempos que corren, non existe a posibilidade de utilizar esa inxente cantidade de cartos en materias que tanto se necesitan como servizos sociais ou en fomento de emprego e formación, podendo conseguir un local social a un prezo máis axeitado para Loureda e unha mellor ubicación do arquivo municipal nun local propiedade do Concello.

Dende o noso grupo pedímoslle ao grupo de goberno do PP que recapacite e renuncie ao convenio asinado, polo ben dos intereses económicos e sociais do noso concello.

Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista do Concello de Arteixo presenta para a súa consideración e aceptación polo Pleno Municipal o seguinte ACORDO :

INSTAR AO GOBERNO LOCAL QUE ANULE O CONVENIO ASINADO CO ARZOBISPADO DE SANTIAGO NO ENTORNO DA RECTORAL DE LOUREDA
Anterior
Anterior

MOCIÓN DE APOIO Á FESTA GALEGA E OS SEUS TRABALLADORES

Siguiente
Siguiente

Martín Seco García (Sº Xeral e Voceiro do PSdeG-PSOE en Arteixo): “Ante a desfeita do parque da Cega de Meicende o grupo de goberno do PP debería de convocar unha reunión informativa cos veciños para coñecer as preocupacións destes e trazar solucións”