MOCIÓN QUE PRESENTA O GRUPO SOCIALISTA DO CONCELLO DE ARTEIXO EN CONTRA DOS RECORTES NA LEI DE DEPENDENCIA E SOLICITANDO MÁIS ORZAMENTO POR PARTE DA XUNTA DE GALICIA
EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:
Durante o goberno de José Luis Rodríguez Zapatero aprobouse a Lei 39/2006, do 14 de decembro, denominada de “Promoción de la Autonomía Personal y Atención a las personas en situación de dependencia”, e coñecida como a Lei de Dependencia. Esta lei foi aprobada cun alto grao de acordo das forzas políticas parlamentarias, ademais de contar coa participación das comunidades autónomas, as entidades locais, os axentes sociais e o movemento asociativo. España avanzaba con esta Lei cara á consolidación do estado social e democrático de dereito que proclama a nosa Constitución, xa que nos encontramos ante unha norma legal cunha enorme transcendencia, posto que se vai ocupar de regular a protección da dependencia, á que se cualifica como o “cuarto piar do Estado do Benestar”. E debe recoñecérselle a conveniente importancia, porque a dependencia foi unha materia á que só indirectamente se prestara atención mediante diferentes prestacións enmarcadas fundamentalmente no ámbito de protección do sistema de Seguridade Social (pensións por grande invalidez ou invalidez non contributiva).
A Lei recoñece o dereito subxectivo das persoas que non poidan valerse por se mesmas a ser atendidas polos poderes públicos, un dereito universal para toda a poboación con garantía pública. Para poñelo en marcha establecíase a cooperación de todas as administracións implicadas e creábase o Sistema para a Autonomía á Dependencia, que contaba cun calendario de implantación que se analizaría de forma gradual ata 2015.
Ata novembro de 2011 o Sistema foise implantando segundo o previsto. Naquel momento, un 80,7% de persoas beneficiarias enquisadas consideraban positiva ou moi positiva a atención que recibían. En decembro de 2011, poucos días despois da constitución do actual Goberno presidido por Mariano Rajoy, decidiuse paralizar o calendario de aplicación da lei, impedindo ás persoas con dependencia moderada acceder a unha prestación ou servizo.
Nos primeiros Presupostos Xerais do Estado que elaborou o Goberno do Partido Popular, e correspondentes ao ano 2012, eliminouse a partida para o nivel acordado que ascendía a 283 millóns de euros. Nos anos 2013 e 2014 o goberno de Mariano Rajoy volveu a suprimir o nivel de financiamento previsto na Lei de Dependencia
O Real Decreto-Lei 20/2012, do 13 de xullo, de medidas para garantir a estabilidade orzamentaria e de fomento da competitividade introduciu numerosas modificacións na regulación do Sistema que causaron enorme prexuízo ás persoas en situación de dependencia. Entre elas destacan:
• A supresión dos dous niveis en que se dividía cada grao.
• A redución nun 13% da achega da Administración Xeral do Estado para o financiamento do nivel mínimo.
• A redución nun 15% da prestación económica por coidados no ámbito familiar.
• A revisión da regulación do convenio especial no Sistema da Seguridade Social dos coidadores non profesionais, cuxas cotizacións pasan a ser exclusivamente ao seu cargo.
• A aplicación dun prazo suspensivo de ata dous anos para as novas prestacións económicas por coidados no ámbito familiar.
• Unha nova revisión do calendario para atrasar aínda máis a entrada de dependentes moderados.
• A introdución dun réxime de incompatibilidades das prestacións.
• A exclusión do silencio positivo ao recoñecemento das prestacións económicas para coidadores no ámbito familiar
A iso hai que engadir que a Resolución do 13 de xullo de 2012, da Secretaría de Estado de Servizos Sociais e Igualdade, pola que se publica o Acordo do Consello Territorial do Sistema para a Autonomía e Atención á Dependencia, aproba os criterios e contidos sobre capacidade económica e participación do beneficiario no custo das prestacións para a autonomía e atención á dependencia. Os novos criterios, aínda non publicados mediante Real Decreto, supoñen un importante incremento do copagamento. Pero ademais, permítese ás comunidades autónomas establecer unha maior participación do beneficiario no custo dos servizos e das prestacións económicas; medida á que desgraciadamente se sumou o goberno da Xunta de Galicia.
En definitiva, o Goberno do Estado reduciu o contido esencial do dereito e realizou importantes recortes orzamentarios, co dramático resultado de que os beneficiarios están a recibir servizos e prestacións claramente insuficientes; ao tempo que se encontran sen atender centos de miles de persoas en situación de dependencia.
Polo que respecta ao financiamento estatal do Sistema hai que destacar o enorme retroceso que sufriu: de soportar o 40% do custo do sistema no ano 2009, a Administración Xeral do Estado pasou a facerse cargo do 19% en 2013. Neste período, a achega das comunidades autónomas tamén sufriu modificacións, e o copagamento das persoas usuarias duplicouse.
A esta política de desmantelamento do sistema de dependencia impulsada polo Goberno de Mariano Rajoy temos que engadir a compracencia do Goberno de Galicia, que lonxe de tratar de frear o impacto destes recortes das persoas usuarias traballou para situar a Galicia entre as comunidades autónomas cun comportamento peor en todos os parámetros:
• A media do gasto público de persoa dependente atendida en Galicia é de 6.515 euros, fronte aos 6.979 euros de media do Estado; e moito por debaixo doutras comunidade autónomas do norte con semellante distribución demográfica que chegan 8.057 euros.
• O gasto en dependencia por habitante e ano é en Galicia de 91,92 euros; a metade que en Cantabria, por exemplo, e un 16 % menos que no conxunto do Estado en valores absolutos.
• Desde o ano 2011 non deixan de descender as persoas con dereitos a prestacións recoñecidas, se daquela estábamos en 89.640 persoas, o cómputo total de 2013 é de 56.835 persoas con dereito recoñecido das cales máis de 18.000 seguen no limbo, é dicir, sen recibir ningún tipo de prestación.
En definitiva, coa chegada do Partido Popular ao goberno do estado, na práctica, estase a baleirar de contido o dereito á promoción da autonomía persoal e atención á dependencia. Ademais, de estarse a vulnerar o principio de igualdade, xa que non existe un contido mínimo común de dereito, e os principios inspirados do Sistema: carácter público das prestacións, universalidade, equidade e accesibilidade, están claramente cuestionados.
As decisións dos gobernos do Estado e de Galicia leváronnos a unha situación na que resulta evidente a necesidade de reformular o Sistema. Existe un alto grao de consenso entre responsables políticos de todos os ámbitos, profesionais e beneficiarios respecto a que, neste momento, é necesario intervir para garantir de forma efectiva o dereito das persoas en situación de dependencia; e para iso debe crearse un grupo de traballo específico cos representantes dos grupos parlamentarios, que realice unha avaliación sobre a lei, as modificacións levadas a cabo, a súa aplicación, os seus resultados, así como para analizar que medidas son necesarias para manter e garantir a sostibilidade do Sistema.
Por todo iso, o Grupo Municipal Socialista no Concello de Arteixo solicita se someta a votación a presente MOCIÓN, e a adopción dos seguintes acordos:
1. Amosar o máis enérxico rexeitamento do Concello de Arteixo aos recortes que se están producindo na Lei 39/2006 do 14 de decembro e coñecida popularmente como Lei de Dependencia; xa que están a producir un sufrimento inmerecido a milleiros de galegos e galegas.
2. Instar ao goberno da Xunta de Galicia para que:
• Se estableza as partidas necesarias nos orzamentos da Xunta de Galicia dos vindeiros anos para que o gasto público por persoa dependente atendida sexa, polo menos, superior á media do Estado e se equipare coa das comunidades autónomas do norte con semellante distribución demográfica que Galicia.
• Que sexan atendidas todas as persoas dependentes que xa teñen recoñecido algún grao de dependencia, e que aínda están á espera de recibir a prestación ou o servizo que lles corresponde.
3. Instar ao Goberno do Estado a que impulse a constitución dun grupo de traballo con representantes dos grupos parlamentarios e comunidades autónomas, co obxectivo de alcanzar un amplo acordo para garantir a sostibilidade, o desenvolvemento e o financiamento por parte das administracións públicas do Sistema de Autonomía e atención á Dependencia. Para iso, realizarán unha avaliación da Lei 39/2006, do 14 de decembro, de promoción da autonomía persoal e atención ás persoas en situación de dependencia.