Luis Vázquez (Concelleiro do PSdeG-PSOE en Arteixo): “O funcionamento do servizo de augas deixa bastante que desexar, chega a auga turbia día si e día tamén, tárdase unha barbaridade en atender as incidencias e se está a utilizar a empresas externas para as reparacións”
No PSdeG-PSOE de Arteixo estamos a observar, como a promesa dun mellor funcionamento do servizo de augas do noso concello, despois da desaparición de AUGARSA, quedouse nunha simple promesa e continuamos cos mesmos problemas coa auga que tíñamos anteriormente.
Son continuos os cortes de auga no noso concello e día si, día tamén, temos que soportar como chega a auga turbia aos nosos fogares, unha auga imposible de utilizar para o consumo humano e incluso para a limpeza e aseo das nosas familias.
Por outra banda o sistema de atención ao usuario que venden como excepcional dende a concellería de obras, fai que durante a semana pasada se dera aviso dunha fuga importante de auga en Frean ás 4:30 da mañá, para seguir na mesma situación as 8:00 da mañá sen que ninguén do servizo se desprazase ata a fuga.
O paso do servizo municipal de augas, dunha empresa mixta a servizo público, fíxose dun xeito tramposo, posto que non son os servidores públicos os que están a reparar as incidencias ocurridas no noso concello e podemos ver como empresas, tipo Rivas Boquete, que son as encargadas de levar a cabo as reparacións das nosas canalizacións, como onte pola mañá en Oseiro que se atopaban reparando as nosas instalacións, convertindo nun dobre gasto o sistema actual.
Dende o noso Grupo entendemos que debería de ser o noso propio servizo municipal que se encargue destas reparacións e polo tanto traer consigo un aforro importante para os nosos bolsillos.