Rogo do PSdeG-PSOE pedindo a devolución do céntimo sanitario
O noso Concello veu aboando, ao igual que o resto
de administracións locais galegas, dende xaneiro de 2004 ata xaneiro de 2013, o
Imposto sobre as Vendas Minoristas de Determinados Hidrocarburos, imposto máis
coñecido por "Céntimo Sanitario" creado polo Goberno do Partido
Popular en xaneiro de 2002, pagando un sobrecuste na adquisición de combustible
para a flota municipal de vehículos entre os 2,4 céntimos, por litro de
gasolina, e os 1,2 céntimos, por litro de gasóleo.
Unha sentenza do Tribunal de Xustiza da Unión
Europea, ditada a finais de febreiro pasado, resolveu que o citado gravame
vulnera a lexislación comunitaria, indicando os xuíces comunitarios que non
procede limitar os efectos desta sentenza, xa que o Goberno Español, e as
comunidades autónomas que aplicaron este imposto, non obraron de boa fe ao
mantelo en vigor durante máis de dez anos.
Este Grupo municipal descoñece o importe total a
reclamar, se ben ten claro que, a solicitude de devolución do indebidamente
pagado, debe levarse a cabo coa máxima rapidez e urxencia, toda vez que o 20 de
abril prescribe o dereito para instar o
reintegro de parte do adebedado.
Nun primeiro momento procede a reclamación
municipal do pagado entre marzo de 2010 e decembro de 2012, se ben instamos ó
Goberno municipal a que, previa informe dos servizos xurídicos municipais,
presente unha reclamación contra o Estado e contra a Xunta de Galicia, polo
período de xaneiro de 2004 a
febreiro de 2010, para que resarza os danos patrimoniais que sufriron as arcas
do Concello, toda vez que é a súa obriga reparar os danos ocasionados polo seu
mal funcionamento; neste caso por unha errónea decisión do Goberno do Partido
Popular.
Ao non ser esta unha sentenza que afecte so ás
administracións locais, demandamos que o Goberno municipal habilite mecanismos
informativos e de asesoramento dirixidos a atender aos demais colectivos
afectados, que tiveron que pagar este inxusto e ilegal gravame: particulares,
transportistas, gandeiros, autónomos e empresarios en xeral.
Por todo o exposto, ROGAMOS ao Goberno Local:
1º. Que, á maior brevidade posible, os servizos
xurídicos municipais estuden as
posibilidades desta entidade local cara a reclamar, de xeito correcto, a devolución dos importes abonados polo Imposto sobre as Vendas
Minoristas de Determinados Hidrocarburos (Céntimo Sanitario) no consumo de combustibles destinados ó parque
municipal de vehículos, correspondente o período de marzo do 2010 a decembro do 2012.
2º. Que os servizos técnicos municipais avalíen a
posibilidade de ampliar esta reclamación ó período impositivo entre xaneiro de
2004 e febreiro de 2010, en que estivo, así mesmo en vigor este tributo, de
acordo a lei 30/1992 de Réxime Xurídico
das Administracións Públicas e do Procedemento Administrativo Común, que regula a responsabilidade patrimonial das administracións públicas e a obriga
destas de reparalo dano causado polo seu mal funcionamento.
3º. Que o goberno municipal habilite os mecanismos
necesarios de información e asesoramento a particulares, gandeiros,
transportistas, autónomos e empresarios en xeral do noso Concello, sobre os pasos a seguir para a reclamación da
devolución do indebidamente abonado polo concepto do “céntimo sanitario”.