Moción contra as novas tasas xudiciais. Por unha xustiza pata todos !!!


MOCIÓN


EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

O pasado 22 de novembro entrou en vigor a lei 10/2012, do 20 de novembro, pola que se regulan determinadas taxas no ámbito da Administración de Xustiza e do Instituto Nacional de Toxicoloxía e Ciencias Forenses.

Tras unha tramitación de vertixe no Parlamento con evidente afán de ocultación aos cidadáns, o seu contido constitúe unha mostra máis da vontade do Goberno de levar a cabo un desmantelamento dos servizos públicos esenciais, cuestionando á súa vez o exercicio efectivo dos dereitos fundamentais.

A Lei 25/1986, do 24 de decembro, de Supresión das Taxas Xudiciais, erradicou do noso ordenamento xurídico a figura da taxa xudicial, para propiciar que todos os cidadáns puidesen obter xustiza calquera que fose a súa situación económica ou a súa posición social.

Mediante a contrarreforma emprendida polo Grupo Popular, este cambio normativo tan radical prodúcese sen aceptarse ningunha proposta dos Grupos Parlamentarios ao longo da súa tramitación en ambas as dúas Cámaras e contra o criterio do Grupo Socialista, ao estenderse o pagamento de taxas xudiciais a toda persoa natural e xurídica, así como ás ordes xurisdicionais civil, contencioso administrativo e social.

Se ben o Tribunal Constitucional en STC 20/2012 do 16 de febreiro de 2012 considerou constitucional a reintrodución da taxa feita pola Lei 53/2002, do 30 de decembro, tamén afirmou que "Esta conclusión xeral só podería verse modificada se se mostrase que a contía das taxas.../..., son tan elevadas que impiden na práctica o acceso á xurisdición ou obstaculízano nun caso concreto en termos irrazoables, atendendo aos criterios da xurisprudencia expostos no fundamento xurídico 7. Non obstante, a contía das taxas non debe ser excesiva, á luz das circunstancias propias de cada caso, de modo que impida satisfacer o contido esencial do dereito de acceso efectivo á xustiza". En consecuencia, a contía das taxas non debe impedir ou obstaculizar de xeito desproporcionado o acceso á xurisdición.

Recentemente, o Sr. Manuel Cachón Cadenas, Catedrático de Dereito Procesual da Universidade Autónoma de Barcelona, dicía que: "Se o lexislador, mediante a imposición de taxas xudiciais ou doutra forma, pon dificultades para que un cidadán que sufriu unha lesión dos seus dereitos poida acudir aos Tribunais a pedir protección, isto significa que ese lexislador está a favorecer a quen lesionou aqueles dereitos. Por iso, a existencia de taxas xudiciais fomenta a morosidade e, en xeral, o incumprimento das obrigas. Na medida que un sistema de taxas xudiciais dificulte a obtención de tutela xudicial, nesa mesma medida está a beneficiar aos que incumpren as súas obrigas. "

O obxectivo recadatorio que persegue esta Lei é desproporcionado coa limitación do dereito de acceso á xustiza e pode converterse nun obstáculo impeditivo para a obtención de tutela xudicial efectiva.

Por tódolo anteriormente exposto, propoño ó pleno desta Corporación a adopción do seguinte,

ACORDO:
O Concello de Arteixo insta ao Goberno de España a adoptar urxentemente as medidas necesarias para excluír as persoas físicas como suxeitos obrigados ao pagamento de taxas xudiciais e a garantir que ninguén vexa limitado o seu dereito de acceso á xustiza por non poder facer fronte ao pagamento da taxa xudicial.

Anterior
Anterior

MOCIÓN COMPROMISO E RECOÑECEMENTO DO PROXECTO PONTE DOS BROZOS

Siguiente
Siguiente

Calvelo volta a mentirlle ao pobo, non convocando á oposición para pactar medidas contra os desafiuzamentos, como se comprometera públicamente no pleno de Novembro