Calvelo volta a mentirlle ao pobo, non convocando á oposición para pactar medidas contra os desafiuzamentos, como se comprometera públicamente no pleno de Novembro

 

“Unha vez máis, o señor Calvelo mentiu a todolos cidadáns, en sede pública, cando dixo que lle preocupaban os cidadáns en situación de desafiuzamento, transcribindo medidas na ordenanza que xa están incluidas na lei e comprometéndose a negociar medidas cos grupos da oposición na semana do 10 ao 14 de Decembro se retiraban as mocións presentadas sobre ese tema para despois non facelo”


No pleno de Novembro, o Grupo Municipal Socialista presentou unha moción que solicitaba medidas urxentes contra os desafiuzamentos tanto a nivel local coma supralocal. Este voceiro, ofreceulle ao señor Calvelo retirar os acordos que afectaban a outras administracións, se aceptaba as medidas locais que se solicitaban na moción (Adxunta a continuación).

O noso alcalde, pediu públicamente, que retirásemos as mocións que falaban deste tema, comprometéndose a convocar Xunta de Voceiros na semana do 10 ao 14 de Decembro para acordar medidas para levar a cabo dende a nosa administración, sendo aceptada esa solicitude co fin de consensuar melloras para os cidadáns que máis problemas sociais teñen neste intre.

Unha vez máis o señor Calvelo faltou a súa palabra, como cando acordou ter unha reunión para falar cos afectados das preferentes e cos grupos da oposición, a cambio de que reitrásemos as nosas iniciativas e que estamos esperando ansiosamente a que sexan celebradas dende fai máis de 4 meses.

Non se pode intentar dar a imaxe dun alcalde que negocia, que acorda e que busca solucións aos problemas dos nosos veciños máis desfavorecidos mentíndolles unha vez tras outra, e poniendo enriba da mesa transcripcións dunha lei xa vixente, como se foran medidas para loitar contra os desafiuzamentos e a favor dos que os sofren.

Por iso dende o noso grupo voltaremos a levar a moción ao pleno de Decembro co fin de que o alcalde decide se se compromete cos afectados polos desafiuzamentos ou quere seguir mentíndolles con mentiras piadosas que xa non convencen a ninguén.  



MOCIÓN

EXPOSICIÓN DE MOTIVOS:

Coa crise e o aumento alarmante do desemprego, centos de miles de familias están a chegar a unha situación límite que non lles permite cubrir as súas necesidades máis básicas. O Concello de Arteixo non é alleo a este fenómeno, xa que continúan a producirse cada día máis casos de familias completas con todos os seus membros no paro, familias que ven como un dos seus maiores logros, a súa vivenda, pode estar en perigo por unha execución hipotecaria que pode provocar a perda do inmoble. E aínda por riba de perder a vivenda, estarán expostos a unha condena financeira de por vida.

No procedemento xudicial hipotecario a vivenda póxase e a Lei de Enxuizamento Civil establece que, no caso de non presentarse poxadores, algo que acontece na maioría dos casos, o banco ou a entidade prestamista pode adxudicarse a vivenda polo 60% do valor da taxación. É dicir: non só poden quedar coa vivenda por un prezo moito menor do que se taxou ao firmar a hipoteca, senón que ademais unha boa parte da débeda mantense (unha vez descontado o valor polo que se poxou a vivenda), incrementada por grandes gastos xudiciais e honorarios profesionais. Ademais, como resultado de todo iso, aos debedores embárganselles os bens e ingresos, tanto presentes como futuros, para saldar a totalidade da débeda.
Esta lexislación, que non se aplica noutros países, era descoñecida polas familias cando rubricaron as hipotecas. Así, a situación é aínda máis grave, xa que pode considerarse que os hipotecados se viron sometidos a unha publicidade enganosa, sometidos á sobrevaloración das taxacións das vivendas e tamén, a unha linguaxe pouco doada de comprender nos contratos que firmaron.
Hoxe en día, calquera non pagamento pode supoñer o vencemento anticipado de todo o que adebedan, e nos contratos que firmaron agochábanse numerosas cláusulas abusivas, como as do só - teito, ou dos intereses moratorios, que oscilan entre o 18 e o 20 por cento.

Por todo o exposto, dende a Agrupación Socialista de Arteixo, considérase que se está a vulnerar un dos dereitos fundamentais dos cidadáns, o da vivenda. O artigo 47 da Constitución di que “Todos os españois teñen dereito a unha vivenda digna e adecuada e que os poderes públicos promoverán as condicións necesarias e establecerán as normas pertinentes para facer efectivo este dereito, regulando o uso do solo de acordo co interese xeral para impedir a especulación”.

A perda da vivenda tamén leva consigo a perda doutros dereitos e impide ás persoas afectadas realizarse no ámbito familiar, e profesional, e condena en moitos casos á marxinación e exclusión social.

En definitiva, a situación de desamparo na que se atopan algunhas das nosas familias, asfixiadas por unha situación laboral cada vez máis insostible e unha hipoteca froito da avidez de especuladores e entidades financeiras, é moi preocupante.

Polo tanto, faise necesario intervir con urxencia ante esta dramática situación, que levou a horrorosos desenlaces coa perda de vidas, e que coa duración prolongada desta crise inhumana, estase a agravar día a día.

Ao igual que antes noutros Concellos como Silleda ou Ares, e mentres non se cambie desde os órganos competentes estatais a lexislación sobre desafiuzamentos (recentemente sinalada incluso por instancias europeas como non garantise dunha necesaria protección eficaz dos consumidores fronte a posibles cláusulas abusivas das hipotecas), desde o Concello de Arteixo queremos aportar as medidas necesarias no ámbito municipal para evitar que se produzan mais desafiuzamentos.

Diante desta situación, propoño ó pleno desta Corporación a adopción dos seguintes,

ACORDOS:

PRIMEIRO.- Instar ao Goberno central a unha rápida e contundente modificación lexislativa do procedemento xudicial hipotecario neste país, incluíndo unha moratoria total ou parcial, sen intereses engadidos, das débedas hipotecarias sobre vivenda habitual, a favor das persoas que se atopen en situación de insolvencia sobrevida de boa fe, de tal xeito que se eviten procedementos xudiciais hipotecarios, poxas de vivendas e desafiuzamentos que están a deixar na rúa a miles de familias.

SEGUNDO.- Instar ao Goberno para que adopte as medidas necesarias para que, nos supostos de vivenda habitual e insolvencia sobrevida de boa fe, se aplique a dación en pago, regulada no artigo 140 da Lei Hipotecaria, de tal xeito que, a elección do debedor, se poida cancelar, sen execución hipotecaria, a totalidade da débeda pendente coa entrega da vivenda, aínda que isto non fora pactado ao formalizarse a hipoteca.

TERCEIRO.- Instar ao Goberno Central para que adopte as medidas necesarias para evitar os desafiuzamentos no caso de vivendas en aluguer, coa retirada da anteproxecto de lei para a dinamización da vivenda en aluguer, que prevé desafiuzamentos en 10 días, co fin de mellorar a protección da cidadanía en momentos de tribulacións económicas.

CUARTO.- Instar ao Goberno para que se adopten todo tipo de medidas tendentes a que os poderes públicos dean cumprimento efectivo ao mandato do art. 47 da Constitución Española, e se estuden saídas xustas á cuestión das vivendas baleiras.

QUINTO.- Dar traslado destes acordos ao Parlamento Autonómico de Galicia, así como ao Congreso e ao Senado.

SEXTO.- Máis aló das medidas de competencia estatal, propor a adopción das seguintes medidas para emprender a nivel municipal:

6.1.Eliminación do imposto municipal de plusvalía para as persoas afectadas que sufran a perda da súa vivenda en poxa, e para aquelas que logren a dación da vivenda en pago, naqueles supostos en que a lei así o permita.

6.2. Revisión dos protocolos de actuación de Servizos Sociais nos casos de desafiuzamento, e colaboración á hora de pedir aos xuíces a suspensión do desafiuzamento cando este sexa por motivos económicos e ser refira á vivenda única e habitual.

6.3. Non poñer ningún axente da Policía Local a disposición das ordes de desafiuzamento.

6.4. Interpelar ás entidades financeiras que operan no municipio para esixirlles a paralización dos desafiuzamentos e a condonación de débedas ilexítimas froito do actual proceso de execución hipotecaria, coa indicación de que en caso contrario, procederase á retirada dos fondos municipais de ditas entidades.

6.5. Colaboración dos servizos xurídicos do Concello en todos os casos que o requiran.

6.6. Facultar ao Alcalde-Presidente para exercitar as accións legais que procedan en defensa dos dereitos da veciñanza de Arteixo.
Anterior
Anterior

Moción contra as novas tasas xudiciais. Por unha xustiza pata todos !!!

Siguiente
Siguiente

Humor gráfico da terra by Cheíño