Alegacións do Grupo Municipal Socialista ao Plan Sectorial de Parques Empresariais de Galicia no referente a ampliación de Arteixo
A/Att do Instituto Galego da Vivenda e Solo
D. Martín Seco García, en calidade de “Voceiro do Grupo Municipal do PSdeG-PSOE en Arteixo”, con D.N.I. ***********, maior de idade, e con domicilio en ****************** C.P. 15142 de Arteixo, comparece ante o IGVS, e como mellor proceda en dereito
EXPON
O día 5 de Xaneiro de 2012, publicouse no DOGA un anuncio do Instituto Galego da Vivenda e Solo, polo que se somete a información pública e consultas por un plazo de dous meses, contados a partir do día de dita publicación, o chamado “Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia e informe de sustentabilidade ambiental”, para que durante este prazo, calqueira poda examinar o seu contido e presentar ante o IGVS as alegacións que estime oportunas.
Polo que dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo, en virtude do dito anteriormente, formulamos as seguintes
ALEGACIÓNS
PRIMEIRA: Dende o Grupo Municipal Socialista levando a cabo, un percorrido polas características do noso Concello e unha vez examinado este Plan Sectorial, temos que facer as seguintes consideracións:
En canto ás infraestructuras e servizos, destacamos que unha ampliación como a recollida nas fases a), b) e c), deste documento, suporía en materia de infraestructuras e debido a deficitaria rede de estradas coas que contamos, tanto a nivel local como autonómico, un absoluto colapso no referente ao tráfico rodado no noso Concello, que xa se atopa saturada na actualidade, sen ter comezado a súa actividade o Porto Exterior de Punta Langosteira e o Polígono de ACTECA, ademais consideramos que tamén veríanse comprometidas as vías de alta capacidade A-6 e a AG-55, cun aumento considerable dos vehículos que as utilizarían e que non sería solucionado pola reforma da rotonda de Sabón, minorada de xeito ostensible pola Xunta de Galicia, cun proxecto de só dous niveis, insuficiente para as necesidades actuais do noso Concello.
Compre nesta mesma materia destacar que a falla de transporte público no noso Concello e dunha rede de transporte metropolitano, fai moi dificultosa a mobilidade dos posibles traballadores deste área empresarial ata ditas instalacións.
Ademais existe un déficit moi importante de servizos básicos, como son o saneamento e a traída de auga, que segundo o propio plan establece, debería de estar previamente garantido conforme aos criterios de sostibilidade e que na actualidade non se lle está dando resposta, como pasa no caso do novo Parque ACTECA, actualmente en construción, que conta con 1.500.000 de m2 e que dende o noso Concello, que debería de sufragar o 50% dos gastos por convenio, aínda non recolle partida algunha no presuposto municipal deste ano 2012.
Ademais existen graves carencias de tipo social, como a falla de prazas de escolas infantís, zonas verdes e de recreo, zonas deportivas e de ocio, centros para maiores ou o déficit importante de servizos sanitarios que fan que o noso concello non esté preparado para acoller unha ampliación deste calado. Ademais de non ter, aínda, aprobado un novo Plan Xeral de Ordenación Municipal que adecúe o noso planeamento urbanístico, completamente obsoleto na actualidade.
O desenrolo deste Plan Sectorial, para o noso Concello, sobrecargaría a capacidade do noso Concello en canto a terreo industrial, supoñendo ademais unha perda moi importante de zonas forestais, que faría moi elevada a concentración de solo industrial, engadido ao xa existente como é o Polígono de Sabón, o de ACTECA, a Refinería, a Central Térmica de Sabón, o Polígono de A Grela – Bens, e outros, suporía un aumento dos niveis de contaminación e de saturación, que dificultarían a pervivencia dos núcleos de poboación existentes nas parroquias deste municipio.
Ademais, é incomprensible que se defenda neste Plan Sectorial dende o punto de vista da SOSTIBILIDADE, un proxecto que sobrecarga deste xeito, a un só municipio da área funcional de A Coruña, para facer que Arteixo acolla a case que totalidade do solo industrial previsto con horizonte 2024 e máis aló deste horizonte.
SEGUNDA: Por outra banda o mecanismo de planificación utilizado por este plan ante a situación económica existente na actualidade, conduce a que se esté fomentando á ESPECULACIÓN.
Os propios estudos deste Plan, dan por inviable a fase a), polo que consideramos que debería de ser eliminada completamente do documento, e tendo en conta que no Plan se inclúen actuacións que non se necesitan para dar resposta á demanda esperada, ata o ano 2024, pero que están no plan para posibles necesidades ou cambios nesta demanda nos próximos anos ou por cambios na política industrial do solo. Dende o Grupo Municipal do PSdeG-PSOE de Arteixo, cremos que esta situación xa mudou e por desgraza foi para entrar nunha profunda crise económica, que fai que os máis entendidos falen dunha perspectiva de recesión económica a nivel autonómica e estatal, polo que entendemos que as actuacións que se propoñen tanto, ata o ano 2024, como as diferidas, deberían de suprimirse para non favorecer actuacións de tipo especulativo sobre o noso territorio.
TERCEIRA: Dende o punto de vista legal, coñecida sentenza do Tribunal Supremo que anulaba o Plan sectorial de Salvaterra do Miño e unha vez examinado o “Plan Sectorial de Ordenación de Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia” e o seu impacto no territorio do Concello de Arteixo, vemos como unha porcentaxe moi elevada dos terreos afectados son “solos rústicos de especial protección forestal”, o que esixiría un cambio de clasificación urbanística de ditos terreos, o que consideramos que non poder ser acollido por un instrumento non urbanístico como é o Plan Sectorial en cuestión, xa que dito cambio, contradí a reiterada xurisprudencia do Tribunal Supremo que di “que a clasificación como solo non urbanizable de especial protección é un acto reglado, substraido, polo tanto, á discrecionalidade da administración”
Aínda que a normativa autonómica atribúe carácter prevalente ás determinacións do Plan Sectorial fronte as do planeamento do noso Concello, debendo estas adaptarse ás primeiras. O recollido para as fases a), b) e c) da “Ampliación de Arteixo”, obrigaría ao planeamento municipal a adaptarse a unha nova clasificación do solo, o que sería contrario ao carácter reglado do solo non urbanizable especialmente protexido, vulnerando a normativa estatal e autonómica (artigo 5.2 do Decreto 80/2000 do 28 de Marzal).
Nas vixentes normas subsidiarias do planeamento do Concello de Arteixo, dáselle a máis do 80% do solo utilizado para dita ampliación, a valoración de “solo rústico de especial protección” por valores ecolóxicos, medioambientais, naturais e forestais e como figura no artigo 5.3 do Decreto 80/2000, do 23 de marzal, que dí: “No solo rústico de especial protección quedan prohibidas as actuacións que resulten incompatibles cos seus valores ecolóxicos, ambientais, paisaxísticos, históricos, etnográficos, culturais ou calquera outro que sexa obxecto da protección outorgada ou coas proteccións derivadas da lexislación sectorial de aplicación” , polo que concluímos, que a ubicación das ampliacións de Arteixo, nas fases a), b) e c) previstas no Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais de Galicia, non é a axeitada, pola incompatibilidade das accións a realizar segundo o plan, coa valoración do solo como rústico de especial protección, no cal estarían prohibidas ditas actuacións.
Por todo o exposto, é polo que
SOLICITAMOS
Que se teñan por realizadas as alegacións presentadas e en consecuencia:
· Que se retire toda referencia a fase A da ampliación de Arteixo, do “Plan Sectorial de Ordenación de las Áreas Empresariales na Comunidade Autónoma de Galicia”, cualificada polo propio plan como INVIABLE.
· Que sexan retiradas tamén as fases B e C da ampliación de Arteixo, do “Plan Sectorial de Ordenación das Áreas Empresariais na Comunidade Autónoma de Galicia