Martín Seco reclámalle á conselleira de Emprego que “asuma responsabilidades políticas” polo revés xudicial no conflito cos técnicos de servizo contra incendios forestais
O deputado socialista lembra que a conselleira de Emprego conta cunha sentenza en contra por ter tomado medidas coercitivas contra os traballadores cando era secretaria xeral técnica de Medio Rural.
Reclámalle á Xunta que acate a sentenza xudicial e lle pague ao persoal de extinción de incendios o salario descontado pola folga de 2020
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, vén de reclamarlle á conselleira de Emprego que “asuma responsabilidades políticas” logo do varapau xudicial pola súa xestión do conflito cos técnicos do servizo contra incendios forestais cando era secretaria xeral técnica de Medio Rural. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Agricultura reclamándolle á Xunta que acate a sentenza e renuncie a presentar recurso.
O Xulgado de Santiago estimou o pasado 7 de decembro a denuncia sindical contra os descontos salariais ilegais aplicados contra o persoal de extinción de incendios pola folga de agosto de 2020. Seco sinala que a sentenza é “clara e contundente” e vai contra a decisión da actual responsable de Traballo, que “ten na súa man os conflitos de tantos e tantas traballadoras, e nin sequera respecta o dereito á folga dos traballadores ao seu cargo”.
Explica que o Xulgado nº 1 do Contencioso Administrativo de Santiago de Compostela ditou sentenza estimando o recurso contra a resolución da secretaría xeral técnica da Consellería do Medio Rural do 27 de agosto de 2020, cando encabezaba aquel servizo a actual conselleira de Emprego. Naquela resolución, explica, “inventaba” descontos salariais contra o persoal técnico de incendios que o xulgado entende como “non conformes a dereito”.
O parlamentario socialista lembra que Medio Rural intentou daquela “reprimir a folga” por varios medios, contratando a persoal de empresas externas, presionando individualmente ao persoal e aplicando descontos salariais contra o persoal que estaba a cumprir cos servizos mínimos.de acordo coa sentenza, o persoal ten dereito a cobrar sen dedución proporcional, que é “non conforme a dereito” e ten “como único obxectivo a desmobilización dunha folga legal”.
Reclámalle a Medio Rural que asuma a sentenza, paguen as contías descontadas e renuncien a presentar recurso. Sinala que “aínda que a sentenza pode ser apelada pola Consellería do Medio Rural ante o TSXG, o fallo é moi claro e debera acatar e abonar os descontos que se lle fixeron aos técnicos” do servizo de Prevención e Defensa contra Incendios Forestais.