O deputado socialista Martín Seco acada o compromiso da Xunta para tomar as medidas necesarias para garantir a protección de datos e a confidencialidade dos usuarios no acceso ao PAC de Arteixo.
Martín Seco tamén alertou da falta de profesionais e da “improvisación” do Sergas con respecto á mellora de infraestruturas, ata o punto de que foi o Concello quen tivo que pagar a reforma do centro de saúde de Arteixo.
O deputado socialista Martín Seco acadou o compromiso da Xunta de Galicia para tomar as medidas necesarias para garantir a protección de datos e a confidencialidade dos pacientes que acoden ao PAC de Arteixo. Seco preguntou por esta cuestión na Comisión de Sanidade, onde se fixo eco das numerosas denuncias públicas por parte da cidadanía do municipio polo trato recibido cando teñen que acudir a este servizo.
Na súa resposta, o director xeral de Asistencia Sanitaria admitiu que se enterou do problema grazas á iniciativa socialista e pediu desculpas polos trastornos que están a sufrir os usuarios e usuarias do PAC, que dende hai un tempo se atopan portas pechadas e se ven obrigados a comunicarse dende a rúa a través dun telefonillo. Polo tanto, teñen que dar publicamente os seus datos persoais e explicar cal é o motivo da súa visita a urxencias a algún traballador que nin sequera é médico. A maiores, esta situación provoca que todo aquel veciño ou veciña que se atope no entorno da entrada do PAC reciba unha información que debera ser confidencial.
Para corrixir esta situación, tal e como reclamaba Martín Seco, vaise substituír ese telefonillo por un timbre, que terán que utilizar os pacientes que acudan ao PAC polas noites. Deste xeito, unha vez chamen, poderán acceder ás instalacións para falar con un médico ou médica coas garantías de confidencialidade necesarias. En calquera caso, Martín Seco explicou que o Grupo Socialista estará vixiante para que se cumpra este compromiso.
Na súa intervención, Martín Seco lembrou que a protección das persoas físicas en relación á protección dos seus datos persoais é un dereito fundamental amparado pola Constitución, que lle recoñece á cidadanía a facultade de controlar os seus datos e a capacidade para dispoñer e decidir sobre os mesmos. A maiores, os datos relativos á saúde, como a historia clínica, están considerados como información sensible, polo que están especialmente protexidos.
Por outra banda, Martín Seco tamén evidenciou a seria deficiencia de profesionais sanitarios en Arteixo. Isto sucede tanto na atención primaria, “un servizo que o goberno do PP está a esnaquizar”, e existen deficiencias con prazas sen cubrir en pediatría, fisioterapia, odontoloxía e outras especialidades.
Nesta liña sinalou que a apertura do centro de Villarodís, hai uns anos, non serviu para ofertar os servizos que o Sergas presta no concello, xa que se aproveitou para acomodar aos mesmos profesionais e os seus cupos, derivándoos alí dende os centros de saúde de Arteixo e Meicende. Así, “conseguiron que o sanatorio de Meicende pasase de ter un servizo de pediatría diario a compartilo por días co centro de saúde de Villarodís”.
Ademais, no eido das infraestruturas, lamentou que tivo que ser o Concello de Arteixo o que pagase a reforma completa das instalacións do centro de saúde de Arteixo, que se atopaba nun estado “lamentable” sen que a Xunta fixese nada por solucionalo. “Unha vergoña para o goberno galego que teña que ser un concello quen financie a maior parte das obras dos seus centros de saúde”, dixo. Ao mesmo sucedeu na reforma completa do Punto de Atención Continuada. “Só falta que tamén lles teñan que pagar o salarios dos profesionais e o instrumental médico” ironizou.
Neste mesmo eido, finalmente, alertou sobre a “improvisación” do Sergas. Para exemplificala, Martín Seco explicou que hai moi pouco que se reformou o centro de saúde de Arteixo e “resulta que a propia dirección do centro está a pedir unha ampliación”. Non hai salas de consultas suficientes e vense obrigados a utilizar outros espazos. “Espero que teñan a ben actuar e falar co Concello para proceder á necesaria ampliación das instalacións”, concluíu.