O deputado Martín Seco sinala que a falla de xestión do territorio por parte da Xunta pode converter en papel mollado a Lei de Áreas Empresariais

Seco urxe ao goberno a exercer as competencias propias para afrontar o problema de implantación de novas empresas e loitar contra a deslocalización

O portavoz de Industria do Grupo Socialista, Martín Seco, dixo no Pleno do Parlamento de Galicia que “sen un goberno que xestione o territorio”, a nova Lei de Áreas Empresariais “non solucionará os graves problemas de implantación de novas empresas e de loitar contra a deslocalización”. O responsable socialista interveu no debate final desta norma, aprobada no Pleno do Parlamento incorporando 13 emendas do Grupo Socialista.

Seco alertou de que a “falla absoluta de xestión” demostrada polo goberno galego en materia industrial pode converter en papel mollado unha norma que debera ser fundamental para ordenar o desenvolvemento industrial de Galicia. Os socialistas galegos, sinalou, votaron a favor desta norma “porque non imos poñer paus nas rodas” no contexto de crise logo da pandemia, os efectos da guerra de Ucraína e a falla de xestión dos últimos 13 anos do PP.

O parlamentario socialista lembrou que o texto aprobado incorpora 10 emendas aceptadas e outras 3 transaccionadas do total de 65 presentadas polo Grupo Socialista, incluíndo a proposta para abrir os “posibles reaxustes, por causas xustificadas, nos plans estruturantes de ordenación de solo empresarial. Tamén incorpora a proposta socialista de que os concellos se fagan cargo do mantemento e conservación das súas zonas industriais”.

Advertiu sen embargo que “por moita Lei que escriban, esta non traerá consigo ningún efecto máxico se o goberno galego se nega a xestionar e utilizar as competencias a nivel económico, industrial e de xestión do territorio que teñen á súa disposición”. Ademais, sinalou que malia estes “pequenos cambios” incorporados coas emendas do PSdeG, “esta lei deixa en segundo plano ás corporacións locais e ás deputacións”.

Reclamou o traballo “man a man cos concellos e as deputacións” para garantir “o desenvolvemento sostible, racional, produtivo e eficiente do territorio de acordo coa Constitución e coa colaboración entre administracións”. O contrario do que vén de facer o goberno galego nos últimos 13 anos de desleixo na política industrial de Galicia, que remataron coa marcha de preto dun milleiro de empresas.

Explicou que “os datos din que a produción industrial galega acumula ata o mes de xuño unha caída do 2,9 por cento en comparación co mesmo período do ano pasado”, mentres no total de España creceu ese mesmo 2,9 por cento. Ademais, só entre xaneiro e marzo Galicia perdeu 46 empresas que marcharon para asentarse noutros territorios do Estado, o que se traduce na perda de 26 millóns de euros mensuais porque “marchan máis sociedades das que veñen”.

Anterior
Anterior

Martín Seco reclama “unha verdadeira política de mobilidade de terras e que os investimentos en aldeas modelo sexan para a loita contra o abandono”

Siguiente
Siguiente

Martín Seco reclámalle á Xunta que xestione o lobo e implemente axudas aos gandeiros acordes ás súas perdas e a prevención necesaria.