O deputado Martín Seco responsabiliza á Xunta da perda de 4,3 millóns de euros de axudas polos danos ocasionados polo lobo
O portavoz de agricultura do Grupo Parlamentario Socialista sinala que a autoexclusión do goberno galego da Estratexia para a conservación e xestión do lobo deixa a Galicia sen as axudas do Ministerio de Transición Ecolóxica.
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, dixo hoxe que a decisión do goberno galego de quedar fora da Estratexia para a conservación e xestión do lobo, aprobada na Conferencia Sectorial do 28 de xullo, provocou que Galicia perda 4,3 millóns de euros do goberno central para indemnizacións aos gandeiros.
O responsable socialista vén de presentar unha batería de iniciativas parlamentarias nas que apunta que Galicia é a única autonomía do norte que non subscribiu a dita Estratexia. Esta decisión fixo que, xunto con Madrid, que se adheriu o 22 de decembro, logo do peche contable, sexan as únicas dúas autonomías excluídas dos fondos do Ministerio para a Transición Ecolóxica para a protección do gando e indemnizacións dos danos ocasionados polo lobo.
Seco advirte que a lamentable decisión do goberno galego deixa aos gandeiros galegos unicamente coas axudas convocadas pola Xunta con fondos propios, que ascenden a 1,75 millóns de euros, unha partida que segundo as organizacións agrarias son totalmente insuficientes para previr os danos da fauna salvaxe nas explotacións gandeiras galegas.
Sinala que a sinatura da estratexia “non impedía que o Goberno galego puidese seguir con recursos e o posicionamento que quixera” sobre a xestión do lobo, pero “permitiría beneficiarse do reparto orzamentario para as medidas de prevención e indemnización por danos do lobo ao gando, o que suporía máis de 4,3 millóns de euros para o noso territorio”.
Acusou ao goberno galego de “tentar de agochar a súa nula xestión” responsabilizando ao Ministerio dunha decisión que é responsabilidade do goberno galego. Lembrou que o goberno do PP nunca xestionou o lobo e que dende hai 10 anos non se rexistran capturas de ningún exemplar, polo que “non entendemos que cambio lle supón á Consellería” a estratexia do Executivo.
O Grupo Socialista presentou unha serie de iniciativas para reclamarlle á Xunta que asinara a Estratexia para a conservación e xestión do lobo, ademais de actualizar o Plan de xestión do lobo autonómico en base ao consenso entre as asociacións en defensa desta especie, das organizacións gandeiras e representantes do sector veterinario.
Tamén reclama aumentar o orzamento de 2023 para a prevención e danos por ataques de lobos para garantir a cobertura da totalidade das solicitudes cursadas en regra, actualizando as contías por danos para que cubran o custe real das perdas e o seu pago en menos de 6 meses. Finalmente, pide introducir axudas en materia de prevención ás explotacións en zonas de risco por ataques de depredadores nos cobros da PAC.