O deputado Martín Seco pídelle ao conselleiro Román Rodríguez que non evada a súa responsabilidade e reciba aos representantes do concello de Cedeira

O grupo parlamentario socialista presenta unha proposición non de lei para instar á Consellería de Educación a atender as demandas do instituto da localidade e axustar os cadros de persoal docente ás necesidades do centro así como a convocar con urxencia a reunión solicitada polo alcalde e os voceiros municipais co Conselleiro de Educación.

O deputado Martín Seco reuniuse no Parlamento de Galicia co alcalde de Cedeira, Pablo Moreda Gil, a concelleira de Educación e membros da plataforma contra os recortes no IES Punta Candieira para escoitar as súas demandas sobre os drásticos recortes de profesorado aplicados pola Consellería de Educación no IES Punta Candieira onde o seu equipo directivo presentou a dimisión en bloque como medida de protesta pola redución de docentes.

A Consellería de Educación trasladaba en agosto unhas listas definitivas que constatan un recorte drástico do número de profesores e profesoras neste centro, 11  con respecto ao ano pasado o que pon en perigo un ciclo formativo e o bacharelato de adultos; diminuirá o horario de profesores de garda, fundamental para atender ao alumnado en caso de ausencias ocasionais do profesorado; reduce os períodos de atención da aula de convivencia inclusiva; impedirá ofertar optativas que en moitos casos son decisivas para que os alumnos e alumnas poidan acceder ás universidades e contribuirá a aumentar a diferencia de oportunidades educativas entre os e as estudantes do rural e os que viven nas cidades.

“O IES Punta Candieira vén dando mostras do seu dinamismo e da calidade do seu ensino nos últimos anos” afirma o deputado Martin Seco trala reunión co alcalde Pablo Diego Moreda, e sinala que participa en diversos proxectos e concursos acadando premios e excelentes resultados. “É evidente que unha perda tan grande de persoal docente vai supoñer un problema enorme na calidade do ensino” afirma o deputado socialista.

“Con esta política de recortes, a Consellería de Educación camiña polo tanto na dirección contraria á consecución dunha redución progresiva de rateos” insiste Martín Seco que anuncia que o grupo socialista no Parlamento presentará unha Proposición non de lei para “atender as demandas do IES Punta Candieira do concello de Cedeira e axustar os cadros de persoal docente ás necesidades do centro” que permita dar unha atención axeitada ao alumnado de ciclos formativos, bacharelato de adultos, manter oferta de optativas e cubrir as ausencias de docentes e suficiente profesorado de apoio para a aula de convivencia, a biblioteca escolar e para as gardas.

PETICIÓN DE XUNTANZA CO CONSELLEIRO DE EDUCACIÓN

O Concello de Cedeira celebrou un pleno extraodinario o pasado sábado na que todos os grupos aprobaron unha declaración institucional de rexeitamento ao recorte de profesorado para este curso no IES Punta Candieira reclamando que se manteña “o plantel docente necesario para soster todos os ciclos formativos e a calidade da ensinanza no centro” así como a petición dunha xuntanza de todos os grupos políticos con representación no concello, incluído o PP, co conselleiro de Educación, Román Rodríguez como mostra de que este é “un problema que afecta ao conxunto da poboación” como indica o alcalde Pablo Diego Moreda Gil.

O alcalde informa que a petición da entrevista co conselleiro de Educación, Román Rodríguez, formulada desde o Concello coa sinatura dos tres grupos políticos con representación municipal foi respostada porén emplazando aos voceiros a unha xuntanza co xefe territorial Indalecio Cabana.

Moreda Gil considera dita resposta “un ninguneo para o pobo de Cedeira, os seus grupos políticos e a comunidade educativa do IES Punta Candieira” e afirmou que non acudirán a dito encontro, a non ser que sexa co conselleiro.

O rexedor argumenta que o concello de Cedeira ten realizado “numerosos investimentos para mellorar as instalacións tanto do instituto como do colexio públicos e mantén unha liña de colaboración permanente coas comunidades educativas. “A nosa aposta polo ensino público quedou patente, máis aló do que son as estritas competencias dunha adminstración local”, comentou Pablo Diego Moreda Gil, polo que  “esiximos que Román Rodríguez estea á altura das circunstancias e que nos reciba de inmediato”, dixo, “porque a medida que tomou afecta á calidade educativa no instituto de Cedeira e ao futuro da nosa mocedade”.

Nesa liña o deputado socialista, Martín Seco, pediulle ao Conselleiro de Educación que non evada a súa responsabilidade e mostre a súa disposición ao diálogo, recibindo á unanimidade da representación política do concello, entre eles o propio voceiro do seu partido, para coñecer a realidade do recorte de profesorado no IES Punta Candieira para buscar solucións á convulsa situación que se vive na comunidade educativa de Cedeira.

 

 

 

Anterior
Anterior

Martín Seco reclámalle á Xunta que xestione o lobo e implemente axudas aos gandeiros acordes ás súas perdas e a prevención necesaria.

Siguiente
Siguiente

Martín Seco denuncia “trilerismo e mentiras” da Xunta para “evitar poñer un só euro de fondos propios” para o sector da carne