O deputado Martín Seco acusa á Xunta de “pechar os ollos” diante de contaminación dos acuíferos da Limia

O portavoz de Gandería do Grupo Parlamentario Socialista sinala que o “desleixo” do goberno galego “é un auténtico crime contra o medio ambiente, a nosa saúde e o futuro das nosas explotacións”.

O portavoz de Gandería do Grupo Socialista, Martín Seco, acusou á Xunta de “pechar os ollos” e adiar a toma de medidas diante da contaminación rexistrada nos acuíferos da Limia. O responsable socialista presentou unha proposta no Parlamento para reclamarlle á Xunta que “tomen medidas xa, poñan freo á instalación de novas granxas industriais e a ampliación das existentes e controlen a xestión dos xurros”, que foi rexeitada polo PP.

Logo de coñecer o voto do PP, advertiu que o “desleixo” do goberno e deste grupo parlamentario constitúen “un auténtico crime contra o medio ambiente, a nosa saúde e o futuro das nosas explotacións”. Criticou que “en vez de estar preocupados en como xestionar esta situación para revertela, prefiren pechar os ollos e esperar a ver canto poden dilatar no tempo para tomar medidas”, por moito que a contaminación por nitratos sexa “difícil de reverter”.

O responsable socialista reclamoulle á Xunta que tome “medidas urxentes” para “loitar contra a contaminación das augas da comarca da Limia designadas no mapa por contaminación por nitratos publicado no mes de maio”. Apuntou que “o importante é que se tomen medidas para reverter esta situación nas augas, que non ten por que supor o peche de ningunha explotación”, senón que consiste en “mellorar a xestión dos xurros”.

Seco alertou de que o dito mapa de contaminación publicado polo Ministerio de Medio Ambiente sinala a contaminación de 3 masas de augas superficiais no río Limia e na canle da lagoa en Vilar de Santos, así como dúas masas de auga subterráneas en Xinzo e Sandiás e dous puntos no pantano das Conchas.

Urxiu ao goberno galego a tomar medidas “ante un problema de saúde pública”, por canto de non facelo “vai ser a cidadanía da Limia a que non vai ter auga limpa á súa disposición, e a UE acabará tomando medidas drásticas”.

Lembrou a medida tomada polo goberno central, poñendo en marcha un investimento de 28 millóns de euros para a modernización do regadío na Limia, que se divide en 16 millóns para a modernización do regadío e outros 12 para a limpeza de canles e camiños paralelos. Neste proceso, a Xunta debera sufragar os novos pozos con 4 millóns de euros, e reclamoulle unha implicación superior.

Explicou que outras autonomías asumirán o pago da parte dos regantes, asumen o IVE ou os custes dos proxectos de modernización competencia das comunidades de regantes. Reclamou unha “maior implicación”, dixo, “comezando por actuar na zona do Val de Lemos, recuperando terras para cultivo” e incentivando ás comunidades para que soliciten a dita renovación, un papel que está a tomar a Confederación Hidrográfica diante da pasividade da Xunta.

Anterior
Anterior

Martín Seco empraza á Xunta a “espertar” e “poñer toda a carne no asador” para activar un plan de acción industrial para superar o retraso económico dos 13 anos de xestión do PP

Siguiente
Siguiente

Martín Seco denuncia a “inacción total” de Medio Ambiente para controlar a contaminación de acuíferos na Limia