Martín Seco reclámalle á Xunta que se comprometa a recuperar a actividade agraria do Val de Lemos que acompañe aos traballos do Goberno do Estado para modernizar o seu regadío
O deputado socialista reclama un Plan de recuperación de zonas de produción de cereais na comarca para paliar a falla desta materia derivado da invasión de Ucraína.
O portavoz de Agricultura do Grupo Socialista, Martín Seco, reclamoulle á Xunta que colabore na recuperación das terras de produción agrícola do Val de Lemos restaurando a infraestrutura de regadío da comarca. O responsable socialista presentou unha pregunta na Comisión de Agricultura para reclamarlle á Xunta que actúe na infraestrutura, construída nos anos 50, e con graves problemas estruturais pola infrautilización.
Seco reclamoulle ao goberno galego que asuma as súas competencias en agricultura para axudar así no proxecto de reactivación da agricultura na comarca de Monforte iniciado pola Confederación Hidrográfica do Miño – Sil, co soporte técnico da USC, diante do desleixo do goberno galego.
O parlamentario socialista pediulle á Xunta que constitúa unha mesa de traballo coa comunidade de regantes para iniciar un plan de reactivación da actividade agraria no Val de Lemos que permita aumentar a superficie agraria útil. Explica que o regadío, concibido para darlle servizo a 5.000 hectáreas, na actualidade apenas actúa en 600 pola falla de políticas de concentración de terras neste entorno.
O obxectivo é garantir que os gandeiros galegos teñan unha maior capacidade de abastecemento de cereais, un alimento fundamental que se viu comprometido nos primeiros momentos da invasión de Rusia a Ucraína, que pasa por ser un dos principais produtores deste produto. Sinalou que urxe “recuperar para o cultivo terras que agora se atopan en abandono”.
Requiriu ademais a participación inmediata da Consellería do Medio Rural de cara a “recuperar a soberanía cerealística” cun Plan de recuperación de zonas de cultivo no que teña un peso fundamental do Val do Lemos. Propuxo procesos de concentración parcelaria na zona de delimitación do Val de Lemos, rematando cos procesos que aínda quedan por rematar.