Martín Seco esíxelle á Xunta que constrúa unha residencia de maiores en Ponteceso
Martín Seco reivindica unha infraestrutura fundamental para a poboación de Ponteceso e os concellos limítrofes, que só dispoñen dun Centro de Día público en Cabana de Bergantiños
O parlamentario socialista Martín Seco esixiulle hoxe á Xunta que atenda á petición do concello de Ponteceso e constrúa unha residencia de maiores no terreo posto a disposición hai cinco anos polo seu alcalde. O responsable socialista sinalou que o concello ten 1.700 habitantes maiores de 65 anos, os mesmos que Malpica, mentres Laxe ten máis de 900, Cabana de Bergantiños supera os 1.400 e Coristanco 1.900.
Explicou que a infraestrutura resulta fundamental para atender ás necesidades da poboación maior do oeste da comarca de Bergantiños, que polo momento tan só conta cun Centro de Día público en Cabana de Bergantiños. Esta residencia permitiría evitar o “éxodo” dos habitantes do interior ata outros núcleos de poboación que dispoñan deste tipo de recursos, co desarraigo persoal que iso supón.
Subliña que Ponteceso “fai un gran esforzo para loitar contra o despoboamento do seu municipio, pero necesita da administración autonómica para poder ofertar aos seus cidadáns uns servizos de calidade que fixen poboación no seu territorio”. Explica que malia aos esforzos para manter o Servizo de Axuda ao Fogar, que ten que financiar malia que é competencia da Xunta, o servizo non resolve as necesidades dunhas persoas que precisan atención 24 horas ao día.
Martín Seco lembra que se hai cinco anos a conselleira puxo como escusa que só construirían estes recursos nas grandes cidades, hoxe teñen anunciado residencias en concellos como Santa Comba ou Ribeira. Sinalou que “agardo que non sexa un mero reclamo electoral do PP, pero se é o novo criterio da Consellería, ben poderían atender ás necesidades de Ponteceso e da súa comarca, malia non estar gobernado polo PP”.
Ademais, lembrou a necesidade de ampliar a escola infantil de Ponteceso “para que non queden nenos sen praza na actual”, ou a construción dun albergue xuvenil, fundamental para un concello que ten 3 praias con bandeira azul e unha situación privilexiada para ofrecerlle aos mozos e mozas actividades de ocio e aventura.